O BNG advirte da situación límite da sanidade pública galega de cara ao verán

A deputada do BNG e portavoz de Sanidade, Montse Prado, advertiu da preocupación que existe entre os profesionais e a cidadanía pola “situación límite” na que a Consellería de Sanidade deixa cada verán á sanidade pública. Prado sinalou que volverán os peches de camas e consultas, os horarios reducidos e a falta de persoal, sen que se coñeza aínda un plan de continxencia.
Na súa intervención na Comisión de Sanidade, denunciou que o deterioro da atención primaria é cada vez maior pola falta de substitucións e de cobertura de prazas estruturais. Ademais, sinalou que a eliminación de quendas de tarde e axendas está a prexudicar gravemente á atención ás persoas doentes.
Prado puxo especial foco na situación das vilas turísticas, onde os centros de saúde deberán atender ao dobre ou triplo de poboación sen persoal adicional, o que saturará os PACs e as urxencias hospitalarias. Reclamou á Consellería medidas reais e urxentes, sen cargar máis sobre profesionais xa esgotados.
A deputada do BNG advertiu tamén que as listas de espera, os servizos de urxencias saturados e as camas inoperativas poden levar de novo ao colapso. Criticou que o único plan do PP sexa que a cidadanía se busque a vida ou recorra á sanidade privada.