O BNG asegura que a desprotección do patrimonio por parte do PP avanza cara á liquidación da identidade de Galicia

Mercedes Queixas denuncia que a reforma da Lei de Patrimonio Cultural imposta polo PP beneficia intereses eléctricos, pasteiros e mineiros e supón un grave retroceso na protección da herdanza cultural galega.
Mercedes Queixas
Actualizada el 8 enero 2026, 14:54 horas
6 Jan 2026

A portavoz de Cultura do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Mercedes Queixas, denunciou que a recente modificación da Lei de Patrimonio Cultural, introducida polo PP a través da lei de acompañamento dos orzamentos, supón “un novo paso no proceso de liquidación da identidade de Galicia”. A norma, que entrou en vigor o pasado 1 de xaneiro, foi aprobada “en solitario, pola porta de atrás e de costas á sociedade”, segundo criticou.

Queixas advertiu de que esta reforma “representa un retroceso grave na protección do patrimonio cultural galego” e pon en risco boa parte da herdanza histórica, artística e arqueolóxica do país. Na súa opinión, a modificación legal non responde ao interese xeral, senón á protección de “intereses alleos” á sociedade galega. “O PP colocou en primeiro plano os intereses do lobby eléctrico, pasteiro e mineiro, facilitando a depredación do territorio e do patrimonio arqueolóxico dos nosos montes”, denunciou, sinalando tamén o perigo que supón para o Camiño de Santiago, Patrimonio da Humanidade, coa avaliación patrimonial favorable á instalación da macrocelulosa de Altri.

A deputada nacionalista criticou tamén a mingua de recursos económicos e humanos destinados á protección do patrimonio, mentres se multiplican os mecanismos legais que facilitan, ao seu xuízo, o sacrificio do patrimonio colectivo. “A Xunta recorta medios para coidar do patrimonio ao tempo que facilita a súa destrución”, subliñou.

Transferencia de responsabilidades aos concellos

Segundo explicou Queixas, a modificación da lei descarga agora nos concellos a responsabilidade de autorizar intervencións en bens catalogados con protección estrutural e ambiental, tanto nos seus contornos de protección como nas zonas de amortecemento. Isto supón, advertiu, que en preto do 90 % dos bens catalogados desaparecerá a autorización previa da Xunta de Galicia.

A portavoz do BNG alertou de que esta transferencia de competencias se realiza sen dotar aos concellos dos recursos nin do persoal técnico necesario, o que considera “un paso atrás no recoñecemento e defensa da nosa identidade cultural”.

Falta de diálogo e oposición do sector

Queixas censurou a ausencia de consulta previa tanto aos concellos como a organismos e entidades especializadas en patrimonio, como o Consello da Cultura Galega, a Fegamp, a Facultade de Historia da USC ou a Real Academia Galega de Belas Artes, que xa manifestaron publicamente a súa oposición á reforma e reclaman a súa suspensión.

A deputada lembrou que en 2026 se cumpren dez anos da aprobación da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia e asegurou que, durante esta década, o PP levou a cabo un “borrado progresivo da identidade cultural galega” mediante sucesivas modificacións legais. Tamén denunciou o estancamento orzamentario, cun investimento semellante ao de 2009, arredor dos 22 millóns de euros, e a situación de precariedade da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Finalmente, Queixas anunciou que o BNG seguirá traballando coa sociedade galega para esixir ao Goberno de Alfonso Rueda que rectifique e frea unha política que, segundo advertiu, pode provocar a perda, destrución ou deterioro irreversible de numerosos bens do patrimonio cultural de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.39528703689575