O BNG atribúe a vaga de incendios forestais á política de abandono do rural do PP

A deputada e portavoz de Montes e Industrias Forestais do BNG, Montse Valcárcel, sinalou que a proliferación de incendios forestais rexistrados nos últimos días en Galicia é consecuencia directa da política de abandono do rural impulsada polo Goberno do PP. Para a nacionalista, “a xestión forestal e o ordenamento do territorio son unha entelequia e unha operación de marketing” sen impacto real na prevención dos lumes.
Valcárcel trasladou a súa solidariedade á veciñanza afectada polos incendios, especialmente nas zonas en alerta como A Cañiza, e destacou a labor e compromiso do persoal do Servizo de Prevención de Incendios. Mais advertiu que “a chave da loita contra os incendios está na anticipación, mediante unha actividade agrícola, gandeira e forestal sustentable e respectuosa co medio”.
A deputada lembrou que a combinación de cambio climático, despoboamento, abandono de terras e desaparición de especies autóctonas crea un “caldo de cultivo” perfecto para a propagación dos lumes. Criticou que o PP teña posto o foco só na extinción, ignorando a acumulación de biomasa e o cambio climático, e esixiu á Consellería de Medio Rural un cambio cara a “paisaxes rurais vivas e rendibles pero menos inflamables”.
Ademais, advertiu que a insistencia da Xunta en instalar Altri na comarca da Ulloa, unha pasteira que demandaría máis dun millón de toneladas de eucalipto, agrava o problema: “É unha especie pirófita que, xunto con pinos e acacias, favorece a propagación dos incendios. Queremos converter Galiza no Portugal dos lumes?”.