O BNG centrará o Pleno no deterioro da sanidade e denunciará a falta de medios para facer mamografías en Valdeorras

A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, anunciou que a situación crítica da sanidade pública será o eixo do próximo Pleno do Parlamento. A formación preguntará pola falta de medios no Hospital de Valdeorras e defenderá unha estratexia galega para adquirir 4.000 vivendas en cinco anos.
Olalla
29 Oct 2025

A viceportavoz primeira do BNG, Olalla Rodil, anunciou este martes que a situación crítica da sanidade pública galega centrará o Pleno do Parlamento da próxima semana, ante a falta de persoal nos centros de atención continuada, o aumento das listas de espera e a escaseza de pediatras en moitas comarcas.

Pola vía de urxencia, o Bloque preguntará pola carencia de medios para realizar mamografías e ecografías de mama no Hospital de Valdeorras, o que obriga, segundo Rodil, a que moitas mulleres se despracen ata Ourense —“facendo tres horas no mellor dos casos”— para someterse a unha proba esencial de prevención do cancro de mama. A formación tamén levará á Cámara a falta de recursos no centro de saúde e no PAC da Pobra do Caramiñal.

Rodil avanzou que a portavoz nacional, Ana Pontón, interpelará ao presidente da Xunta sobre cando pensa tomar medidas para rescatar a sanidade pública galega, fronte ás múltiples deficiencias detectadas no sistema.

Outro dos puntos centrais do Pleno será a defensa dunha proposición non de lei para impulsar a Estratexia Galega de Adquisición Pública de Vivenda, co obxectivo de garantir o acceso a unha vivenda digna, un dereito que, segundo o BNG, se atopa entre as maiores preocupacións da cidadanía.

Rodil lembrou que a paralización da política pública de vivenda nos últimos 17 anos agravou a crise habitacional e impediu a milleiros de persoas, especialmente mozas, acceder a unha casa. A nacionalista denunciou que o parque público da Xunta apenas alcanza as 3.800 vivendas, un 0,3 % do total, moi por baixo doutras realidades europeas como Francia (16 %) ou os Países Baixos (29 %).

A proposta do BNG aposta por adquirir 4.000 vivendas en cinco anos, mobilizando inmobles xa construídos e baseándose en criterios técnicos e obxectivos adaptados a cada cidade e comarca, ademais de fomentar novas construcións públicas.

No eido ambiental, o Bloque pedirá explicacións á conselleira de Medio Rural, María José Gómez, sobre o funcionamento do Pladiga 2025 e as consecuencias da recente vaga de lumes. Rodil reclamará que a Xunta dea conta das medidas adoptadas para evitar que as cinzas dos incendios cheguen aos ríos, afectando o abastecemento de auga en concellos de Valdeorras. “O PP busca sempre a quen botarlle a culpa en vez de asumir responsabilidades”, criticou.

Finalmente, o BNG interpelará ao conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, polas irregularidades no transporte público por estrada, logo de que se vetara a súa comparecencia urxente. Denuncian que hai viaxeiros obrigados a ir de pé en tramos de autovía e persoas que quedan en terra “por decisións arbitrarias das concesionarias”.

Noutra interpelación, a formación nacionalista preguntará á conselleira de Política Social pola situación dos centros de menores e de persoas con discapacidade, cuxo persoal ten convocada unha folga o 6 de novembro. “Falamos de servizos sociais practicamente privatizados, cunhas condicións laborais precarias que tamén afectan á calidade da atención”, advertiu Rodil.

⚙ Configurar cookies
0.31567406654358