O BNG chama a continuar mobilizándose o 29N en defensa do río Ulla

O deputado do BNG afirmou que a inclusión da mina de Touro - O Pino na listaxe de proxectos estratéxicos da UE “é unha pésima noticia para os concellos próximos, o río Ulla e a ría de Arousa"
altri-non-rio-ulla
18 Oct 2026

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, acudiu esta mañá, acompañado de cargos institucionais e orgánicos do BNG, ao Mirador de Monte Lapido, a carón do río Ulla, para denunciar o espolio dos nosos recursos e o negativo impacto ambiental, económico e social de proxectos como os de Altri e a mina de Touro-O Pino.

Precisamente, o pasado 9 de outubro coñecíase que a UE incluía o proxecto da mina de cobre de Touro-O Pino na segundo listaxe de proxectos estratéxicos para o subministro de materias primas. “Unha pésima noticia para todos os concellos próximos mais tamén para o río Ulla e a ría de Arousa polo risco de contaminación das augas das que dependen tanto a poboación como sectores produtivos”.

A mina de Touro-O Pino, subliñou o deputado do BNG, “ten ao carón, como pasou en Altri, a unha Xunta entusiasta de proxectos depredadores sen importarlle os efectos para o entorno, a contaminación a través das filtracións no chan aos nosos ríos (o Ulla), o impacto no agro e nas nosas rías ou a xeración de residuos contaminantes. Mais agora tamén conta coa pasividade do “Goberno central que non replicou en ningún momento ante a inclusión destes proxectos mineiros a pesar da forte oposición social”.

Néstor Rego tamén puxo de manifesto que o proxecto de Altri, paralizado agora grazas á presión social, pode ser reactivado facilmente “por un goberno do PP en compañía da ultra dereita que decida, tal e como veu defendendo a Xunta, achegar fondos públicos para a súa implantación ou mudar o Plan de Enerxía para permitir a construción das infraestruturas que permitan alimentar de electricidade o proxecto”. Lembra o que implicaría a instalación da megapasteira no centro da Galiza e as consecuencias para o río Ulla e Arousa, polo elevado consumo de auga e os vertidos contaminantes.

“É preciso que todas as persoas que estiveron na rúa para frear Altri e a Mina de Touro-O Pino acudan o día das eleccións para apoiar a única forza política coherente na defensa do País e dos intereses dos galegos e galegas” declara Rego, “a única opción que garante realmente frear a dereita e a ultradereita na Galiza, o BNG”.

Así pois, “o BNG quere facer un chamamento desde o río Ulla ao conxunto dos galegos e galegas a seguir mobilizándose para frear os proxectos depredadores e contaminantes, e que debe materializarse nas urnas o próximo 29N da man do BNG” finda Rego.

0.25803804397583