O BNG chama ao resto de forzas a reaccionar como País contra un modelo de financiamento que afonda na discriminación

A portavoz de Facenda do BNG, Noa Presas, critica a “pasividade” da Xunta e insta a Alfonso Rueda a negociar directamente co Estado fronte a unha proposta “centralista e inxusta” para Galiza.
Noa Presas
13 Jan 2026

O Bloque Nacionalista Galego vai presentar no Parlamento unha batería de iniciativas para promover un pronunciamento unánime de todas as forzas políticas galegas contra a proposta de financiamento autonómico do Goberno do Estado, ao considerar que é “lesiva para os intereses de Galiza” e que mesmo empeora un modelo que “xa era malo” por discriminatorio e inxusto.

Así o anunciou a portavoz de Facenda do BNG, Noa Presas, quen chamou a “reaccionar como País” fronte a unha proposta que, ao seu xuízo, mantén o infrafinanciamento dos servizos públicos e consolida un sistema “centralista e egoísta”.

“Urxe reaccionar ante unha proposta inxusta que mantén a discriminación do noso País e urxe reaccionar ante a pasividade dun goberno da Xunta incapaz de defender Galiza”, afirmou Presas, quen avanzou que o BNG buscará unha posición común do arco parlamentario galego en defensa dun “trato digno, acorde coa nosa condición de nación”.

Críticas ao PP e chamada a negociar directamente co Estado

A deputada nacionalista censurou a actitude do Partido Popular, ao que acusou de manter unha crítica “timorata e estéril” sen dar un paso adiante na defensa dos intereses galegos. Neste sentido, instou ao presidente da Xunta a abandonar unha “estratexia fracasada” e a negociar directamente co Goberno do Estado.

“Non abonda con quedarse na crítica coa boca pequena. Galiza ten que botar os restos nunha negociación que vai ser vital”, subliñou Presas, quen advertiu de que o Goberno de Rueda debe escoller “se está do lado de Génova e do centralismo ou do lado de Galiza”.

Un modelo que perpetúa o infrafinanciamento

Segundo explicou, a proposta presentada polo Ministerio de Facenda non supón ningún avance real no autogoberno nin na corrección do déficit fiscal galego. Presas cualificou de “anecdóticos e insuficientes” os incrementos previstos no IRPF e no IVE, e lembrou que no ano 2022 o Estado recadou en Galiza 15.385 millóns de euros en impostos estatais mentres só retornaron 10.041 millóns a través do sistema de financiamento, o que supón un déficit fiscal de 5.344 millóns de euros.

Ademais, criticou que do incremento global previsto de 21.000 millóns de euros, Galiza só recibiría un 2,8 %, menos de 600 millóns, “cando o propio Consello de Contas cifra o déficit anual entre 1.000 e 1.500 millóns”.

A portavoz nacionalista denunciou tamén que a proposta empeora criterios fundamentais para Galiza, como a dispersión territorial ou o avellentamento da poboación, e alertou da “discrecionalidade e escurantismo” de novos fondos como o statu quo ou o climático, sen criterios obxectivos nin científicos.

Aposta polo autogoberno

Fronte a este modelo, o BNG defende un cambio profundo do sistema de financiamento que permita a Galiza exercer o seu autogoberno real. “A nosa proposta é clara: darlle aos galegos e ás galegas a chave dos seus cartos”, concluíu Presas, insistindo en que aínda existe marxe de manobra para defender os intereses do país se hai vontade política.

⚙ Configurar cookies
0.31618905067444