O BNG confirma en Castroverde o seu voto en contra do acordo UE-Mercosur

Ana Miranda asegura que o tratado prexudica ás explotacións familiares e reclama que non se avance na súa aplicación até que se pronuncie o Tribunal de Xustiza da UE
Encontro-Mercosur-Castroverde-BNG
14 Feb 2026

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, confirmou en Castroverde que votará en contra do acordo comercial entre a Unión Europea e Mercosur no pleno do Parlamento Europeo, mantendo así a posición que a formación nacionalista vén defendendo desde hai meses. Segundo explicou, a decisión está fundamentada no diálogo mantido co sector primario galego e na participación nas mobilizacións agrarias. “Nós temos moi claro cal era o noso voto, despois de falar cos labregos, despois de estar nas tractoradas cos gandeiros”, afirmou.

Durante un encontro con gandeiros e gandeiras da localidade, no que tamén participou a portavoz municipal e deputada provincial Iria Castro, a representante galega en Bruxelas advertiu de que o tratado non beneficia ás explotacións agrogandeiras nin de Castroverde nin doutras vilas galegas que dependen da actividade agrícola e das granxas familiares. Miranda incidiu en que o BNG rexeita que produtos cárnicos procedentes doutros países poidan saturar o mercado europeo e criticou que o acordo se negociase, ao seu xuízo, de costas á Eurocámara.

Pola súa parte, Iria Castro puxo en valor a presenza da eurodeputada no municipio para explicar o estado actual da tramitación do acordo, os pasos pendentes nas institucións europeas e o papel que pode desempeñar o Bloque neste proceso. A deputada provincial subliñou que a reunión permitiu analizar as consecuencias que o tratado podería ter para as explotacións do concello, da comarca e do conxunto da provincia.

No encontro abordáronse tamén as cláusulas de salvagarda aprobadas esta semana no pleno da Eurocámara por 483 votos a favor, 102 en contra e 67 abstencións, entre elas a do BNG. Ana Miranda sostivo que estas medidas non supoñen unha solución definitiva para o sector, xa que, ao seu entender, só se activarían cando os efectos negativos xa fosen evidentes. Ademais, lembrou que a formación nacionalista defendeu desde o inicio que, de aplicarse o acordo, as salvagardas deberían ser máis amplas, unha proposta á que se opuxeron PP e PSOE.

En relación coa situación actual do tratado, a eurodeputada recordou que o pleno de xaneiro do Parlamento Europeo aprobou, por 334 votos a favor, 324 en contra e 11 abstencións, remitir o acordo con Mercosur ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea para que determine a súa compatibilidade cos tratados comunitarios, unha iniciativa que non contou co apoio do PP. O BNG considera que tanto a Comisión Europea como o Consello actuaron sen respectar plenamente os principios de cooperación institucional durante a negociación.

Na mesma liña, Ana Miranda asinou unha carta dirixida á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, na que solicita que non se avance na aplicación provisional do acordo comercial entre a UE e Mercosur, nin en ningunha das súas partes, até que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea emita o correspondente ditame.

⚙ Configurar cookies
0.32833504676819