O BNG consegue o apoio do Congreso para que as comunidades de montes veciñais poidan actuar como comunidades enerxéticas

O deputado do BNG, Néstor Rego, celebró o respaldo da Comisión de Transición Ecolóxica do Congreso a unha iniciativa que reclama recoñecer xuridicamente as comunidades de montes veciñais en man común como comunidades enerxéticas
Nestor Rego
20 Nov 2025

O Bloque Nacionalista Galego conseguiu o apoio maioritario da Comisión de Transición Ecolóxica do Congreso para instar ao Goberno do Estado a recoñecer xuridicamente as comunidades de montes veciñais en man común e permitirlles operar como comunidades enerxéticas de pleno dereito.

O deputado do BNG, Néstor Rego, destacou que este paso é esencial para avanzar cara a un modelo de xeración distribuída, máis próximo aos centros de consumo e contrario ao modelo “a grande escala e concentrado en zonas de sacrificio” que —afirma— promoven tanto a Xunta como o Goberno estatal.

A iniciativa aprobada recolle literalmente que “o Congreso insta o Goberno do Estado a regular as comunidades enerxéticas de base cidadá, especialmente as do ámbito rural, e a recoñecer como comunidades enerxéticas de pleno dereito ás comunidades de montes veciñais en man común que así o soliciten, segundo o disposto nos artigos 12 bis e seguintes da Lei 24/2013”.

Rego subliñou que as comunidades de montes veciñais en man común son unha figura histórica da Galiza, con séculos de existencia e unha presenza que abrangue “arredor do 20 % do territorio galego”, ao sumar máis de 650.000 hectáreas xestionadas por “3.000 comunidades”. Para o deputado nacionalista, excluílas dos plans piloto do Executivo estatal por non recoñecer a súa formulación xurídica supón unha discriminación inxustificada.

O parlamentario advertiu de que unha “transición enerxética sen xustiza social non pasa de greenwashing ao servizo das grandes empresas enerxéticas e do capitalismo”, e insistiu en que o BNG aposta por un modelo descentralizado, local e que xere riqueza e servizos nas aldeas e parroquias. As comunidades de montes, afirmou, poden ser “actores centrais” na produción de enerxía renovábel e no impulso do desenvolvemento rural.

⚙ Configurar cookies
0.43769907951355