O BNG consegue o compromiso do Goberno para incrementar o financiamento da dependencia até o 50%

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, conseguiu este martes o compromiso do Goberno estatal de incrementar o financiamento da atención á dependencia ata acadar o 50%, tal e como figura no Acordo de Investidura co BNG.
Na súa intervención no Pleno do Congreso, Rego denunciou que o Goberno central só asumiu o 41% do financiamento en Galicia en 2023, segundo datos do propio Ministerio. “Non se pode ignorar unha situación que afecta a milleiros de persoas dependentes e aos profesionais do sector”, advertiu, subliñando que o sistema só será xusto e eficaz cun financiamento axeitado.
O deputado nacionalista lembrou que a Xunta cifra en 2.500 millóns de euros a débeda acumulada do Estado coa Galiza desde 2007 nesta materia. Rego acusou tamén ao Goberno galego do PP de usar este incumprimento como escusa para aplicar recortes, situando Galicia como a comunidade co menor porcentaxe de persoas atendidas (16%) fronte ao 23% da media estatal, a pesar do alto nivel de envellecemento e dispersión poboacional.
Rego amosou ademais o seu apoio ás mobilizacións recentes do persoal do SAF e das residencias, que reclaman máis recursos e condicións laborais dignas. “Este infrafinanciamento págano as persoas dependentes e as traballadoras que viven en precariedade”, denunciou.
Na súa resposta, o ministro de Dereitos Sociais, Pablo Bustinduy, agradeceu a pregunta e a presión política do BNG e comprometeuse a cumprir o acordo, avanzando no financiamento estatal ata chegar ao 50%. Rego advertiu que o BNG estará vixiante para garantir que o compromiso se cumpra. “Para o BNG, a defensa dos dereitos sociais é unha prioridade política”, concluíu.