O BNG critica a falta dun plan para Atención Primaria e acusa ao PP de “roubar o dereito a unha asistencia digna”

A portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado, denunciou no Parlamento o recorte de 1.700 millóns en Atención Primaria e reclamou explicacións polo colapso das urxencias durante o pico invernal.
Montse Prado
11 Feb 2026

A portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento, Montse Prado, criticou no Pleno a falta dun plan específico para reforzar a Atención Primaria e acusou ao PP de tratar este nivel asistencial como “unha cousa de andar por casa”.

Prado asegurou que o conselleiro de Sanidade acudiu á Cámara con “anuncios en diferido que logo non concreta”, o que cualificou como “unha auténtica burla aos profesionais”. Segundo denunciou, o Goberno galego recortou arredor de 1.700 millóns de euros en Atención Primaria, situando Galiza á cola do Estado en investimento neste ámbito, só por diante de Madrid.

A deputada nacionalista sinalou que esta situación está a provocar unha perda de confianza crecente na Atención Primaria e atribuíu ao Executivo de Alfonso Rueda a responsabilidade dunha “excepcionalidade permanente” derivada da falta de planificación de persoal tanto en Urxencias como nos centros de saúde.

Entre os datos achegados, Prado destacou que dos 91 MIR que remataron en 2025 a formación en Medicina Familiar e Comunitaria, 60 decidiron non continuar na especialidade en Galicia. Tamén advertiu do envellecemento do cadro médico, xa que máis do 53% dos profesionais licenciados superan os 50 anos.

No ámbito da saúde mental, criticou que dos 21 psicólogos previstos en Atención Primaria só haxa sete en activo e lamentou que non se coñezan avances do Plan de Saúde Mental anunciado hai un ano, mentres as listas de espera para a primeira consulta psiquiátrica superaban as 7.900 persoas en xuño de 2025.

Prado tamén puxo o foco nos tempos de espera: segundo o Barómetro Sanitario, a media para ser atendido por un médico de familia é de 8 días, chegando a semanas ou mesmo a un mes nalgúns centros. Ademais, indicou que o 20% das persoas usuarias non conseguiron cita en Atención Primaria e que o 38% delas acabaron acudindo a Urxencias.

A deputada advertiu igualmente do incremento do orzamento destinado á sanidade privada, que pasou de case 246 millóns a 261 millóns de euros, mentres “se quitan recursos á pública”.

Información sobre o pico invernal

Na mesma sesión, o BNG solicitou información detallada sobre as medidas adoptadas durante o pico invernal que provocou o colapso das Urxencias en distintos puntos do país. A formación pediu datos sobre reforzos de persoal, funcionamento dos PAC, tempos de espera, apertura de camas hospitalarias e derivacións a centros privados.

O PP anunciou o seu voto en contra da moción, rexeitando facilitar esta información.

⚙ Configurar cookies
0.28438091278076