O BNG critica a negativa do PP a que Galicia solicite a adhesión á Unesco e teña voz propia nas Nacións Unidas

A portavoz de Educación do BNG no Parlamento, Cristina Fernández Davila, criticou a negativa do PP a tramitar a solicitude para que Galiza forme parte como membro asociado da Unesco, seguindo o camiño iniciado por Euskadi e Cataluña, así como outros territorios como as Illas Feroe, Nova Caledonia ou Curaçao.
A deputada nacionalista acusou ao Goberno galego de “pretender anular a identidade propia de Galiza baixo a Marca España” e de abandonar o patrimonio material e inmaterial “como se fose unha reliquia”. Segundo afirmou, esta decisión supón pechar as portas a educar desde valores como a paz, a cooperación, o desenvolvemento sostible e a información veraz e crítica.
Fernández Davila lembrou que a Unesco é o organismo das Nacións Unidas encargado de promover a educación, a ciencia, a cultura e a comunicación ao servizo da paz e do desenvolvemento sostible. A presenza de Galiza, sinalou, permitiría maior visibilidade e participación internacional en decisións vinculadas ao patrimonio, á cultura e ao sistema educativo.
A parlamentaria do BNG acusou ao PP de optar polo centralismo e por un modelo uniformizador, ao tempo que criticou que a súa postura contradí a propia Estratexia de Acción Exterior (Egaex) 2025-2029 aprobada pola Xunta, que recoñece o papel estratéxico da educación e da cultura na proxección exterior de Galiza.
Durante a súa intervención, tamén censurou a política educativa do Executivo autonómico, ao que acusou de non promover unha educación inclusiva e de calidade e de aplicar recortes no ensino público. Do mesmo xeito, criticou a falta de políticas sostibles e a permisividade ante o que cualificou como espolio do territorio por parte de multinacionais.
Fernández Davila asegurou que o BNG non dubidaría en solicitar a adhesión de Galiza á Unesco e defendeu unha alternativa baseada na defensa do ensino público, a inclusión, a igualdade e a promoción internacional da identidade galega.