O BNG critica ao PP por bloquear unha estratexia clave para a saúde das mulleres

O Bloque Nacionalista Galego acusou ao Partido Popular de rexeitar unha estratexia básica para garantir unha atención integral á saúde sexual e reprodutiva das mulleres en Galicia.
A deputada Montse Prado realizou esta denuncia na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento, nun momento especialmente significativo pola proximidade do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller.
Prado subliñou que a violencia machista non se reduce á súa dimensión física, senón que tamén se manifesta en ámbitos como o sanitario, onde persisten sesgos de xénero que prexudican a saúde das mulleres. Como exemplo, citou o escaso estudo de doenzas máis frecuentes en mulleres, como endometriose ou fibromialxia, cuxo diagnóstico pode demorarse “sete, oito ou mesmo dez anos”. Tamén advertiu da falta de formación sobre a diferente sintomatoloxía feminina en patoloxías cardíacas, o que agrava os tempos de reacción e reduce as posibilidades de supervivencia.
A deputada nacionalista centrou a súa intervención na figura das matronas, cualificadas como unha “peza clave” da atención sexual e reprodutiva. Denunciou a situación “lamentable” que atravesa este colectivo no sistema público galego, cunha rateo de matronas por muller moi inferior á media europea e estatal, e moi afastada da recomendación da Organización Mundial da Saúde, que establece un mínimo dunha matrona por cada 5.000 mulleres.
Desigualdade territorial e falta de medios
Prado expuxo que existen fortes desigualdades entre áreas sanitarias: mentres que en Santiago-Barbanza hai unha matrona por cada 6.700 mulleres, en Ourense-O Barco a cifra elévase a unha por cada 14.000. “Hai iniquidade ou non?”, preguntou ao grupo parlamentario do PP.
Ademais da falta de persoal, denunciou as carencias nos espazos de traballo e no mobiliario das consultas de atención primaria, así como un marco xurídico e retributivo “anclado nos anos 90”, que provoca que as profesionais cobren “por debaixo do que deberían”.
Prado insistiu en que todas estas cuestións dependen exclusivamente da Xunta de Galicia, e acusou ao PP de escudarse noutras administracións para evitar asumir responsabilidades. “A inacción é unha escolla política do PP para deteriorar o sistema público de saúde”, sentenciou.
Co voto en contra do Partido Popular, o BNG considera que se perde unha oportunidade decisiva para modernizar un servizo esencial e avanzar na igualdade real no ámbito sanitario, deixando en situación de desprotección a milleiros de mulleres en Galiza.