O BNG critica o “estilo Rueda” tras dous anos de lexislatura: gobernar de costas á xente

Olalla Rodil acusa ao presidente da Xunta de priorizar os intereses partidistas e empresariais mentres se deterioran a sanidade, a dependencia e o acceso á vivenda.
OlallaRodil
23 Feb 2026

A viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, fixo balance dos dous anos de lexislatura acusando ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de gobernar “de costas á xente” e para favorecer “un puñado de empresas amigas do PP”.

Rodil asegurou que o chamado “estilo Rueda” se caracteriza pola crispación, a falta de solucións aos problemas reais e unha política orientada a beneficiar intereses partidistas. Segundo indicou, a deterioración da sanidade pública, as listas de espera na dependencia e as dificultades de acceso á vivenda son sinais evidentes do fracaso da Xunta.

A deputada nacionalista criticou tamén o rexeitamento do Goberno galego á condonación da débeda negociada polo BNG no acordo de investidura, que cifrou en máis de 4.000 millóns de euros, así como a negativa a negociar un sistema de financiamento xusto para Galicia.

Altri e o modelo industrial

Rodil sinalou o proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei como “o exemplo máis claro” dun modelo industrial pensado, ao seu xuízo, para favorecer intereses empresariais por enriba do territorio e da veciñanza. Defendeu que, se finalmente non se materializa, será grazas á mobilización social.

Tamén fixo referencia ao que cualificou como “boom eólico depredador” e ás políticas que, segundo o BNG, benefician o lobby do eucalipto.

Sanidade, vivenda e dependencia

A viceportavoz do BNG denunciou que a Atención Primaria se atopa “en estado crítico”, con demoras de ata quince días para citas médicas e milleiros de menores sen pediatra asignado.

En materia de vivenda, cualificou esta problemática como o principal factor de exclusión social, criticando que durante os últimos anos se “dinamitou” a política pública de vivenda.

No ámbito da dependencia, denunciou o colapso do Servizo de Axuda no Fogar e listas de espera “inadmisibles” que, segundo afirmou, favorecen o negocio privado nas residencias.

Rodil concluíu reivindicando o papel do BNG como alternativa de goberno, destacando o liderado de Ana Pontón como “símbolo de esperanza” para Galicia.

0.36223292350769