O BNG cualifica de “ridículas” as rebaixas no IRPF da Xunta mentres "mantén os privilexios ás rendas máis altas"

Anuncia que o Bloque emendará as contas do Partido Popular, cuxo modelo avanza cara a unha Galiza cada vez máis desigual
Noa-Presas-bng
19 Oct 2026

A portavoz de Facenda do BNG, Noa Presas, critica o anuncio da rebaixa “ridícula” de 0,25 puntos nos catro primeiros tramos do IRPF que, segundo a deputada, van supoñer “unhas decenas de euros” nos salarios máis baixos cando algunhas desas persoas traballadoras “nin sequera tributan”. Fronte á “rutina” e a “política para ricos”, Presas avanza que a súa formación emendará as contas con propostas como o impulso dunha reforma fiscal para “rescatar a xente”, e para poder financiar un fondo contra a crise de prezos ou axudas ao sector primario.

“O PP está centrado en axudar a quen máis ten e abandonar a quen máis o precisa”, afirma, recalcando que o fai ademais nun momento no que Galiza sofre unha inflación “desbocada” que supera o 5 %, situándose na máis alta do Estado,.

“O que fai o señor Rueda é anunciarnos unha rebaixa ridícula dun 0,25 no IRPF que apenas se vai notar porque a vai comer a inflación e desde logo non vai axudar a quen menos ten porque moitísmas desas persoas nin sequera fan a declaración da renda”, advirte. Engade que só a falta de deflactación fixo que a cota media do IRPF en Galicia pasase de 6.000 a 6.741 euros nun ano, un 12,4 % máis.

Asegura que os orzamentos do PP na Xunta para 2027 “avanzan nun modelo dunha Galiza cada vez máis desigual”, mentres se manteñen os “privilexios ás rendas máis altas e aos patrimonios máis altos”, lembrando que quen sostén o sistema e quen acumula a maior porcentaxe de declaracións son as clases medias e as traballadoras. “Só 707 persoas concentran case o 40% das rendas do aforro no noso País”, apunta.

Afondando nos privilexios cos que máis teñen, Presas subliña que o PP mantén a bonificación do 50 % no Imposto de Patrimonio, deixa exentas o 99,9 % das herdanzas e amplía agora as reducións en Sucesións.

Lembra que os datos da Axencia Tributaria amosan unha Galiza cada vez máis desigual, onde os declarantes con rendas de máis de 150.000 euros medraron case un 25 % nun só ano, ata os 8.028.

Contrapón tamén a suba de apenas un 5 % nos salarios co aumento disparado, só nun ano, do 51 %, nas rendas do aforro (xuros, dividendos e ganancias patrimoniais), sinalando que, coa inflación actual no 5,5%, son as familias traballadoras as que pagan a factura, precisamente as que sosteñen o sistema, recorda. “Só o tramo de 30.000 a 60.000 euros achega preto do 40 % da recadación do IRPF en Galiza, e quen declara menos de 60.000 euros achega máis do 60 %.”, indica.

Por outra banda, a portavoz de facenda do BNG criticou que Rueda presuma de non endebedarse, cando realmente a débeda está no 15% do PIB, “moi lonxe do 10% que nos anuncia e acaba de superar por primeira vez na historia os 13 mil millóns de euros, máis do triple que cando entrou o PP na xunta”, apunta.

Propostas do BNG

Fronte á “rutina” e á “política para ricos”, Presas considera necesarias propostas novas e avanza que o BNG emendará o proxecto de orzamentos en tres sentidos:

O primeiro, coa activación dun fondo extraordinario para responder a crise de prezos, con medidas para garantir a suba das axudas sociais e pensións non contributivas, o acceso á alimentación e o acceso á vivenda.

O segundo, con medidas de estímulo económico e axuda ao sector primario que esta sufrindo a carestía de produtos e combustibles.

E o terceiro, para axudar a financiar todo isto, unha reforma fiscal baseada na xustiza social, que reforme o IRPF e os principais impostos que dependen da Xunta para que pague menos quen menos ten e máis quen máis ten.

0.28450798988342