O BNG culpa ao PP do colapso sanitario durante o verán en Galicia

A portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado, responsabilizou ao Partido Popular da situación “caótica” que vive a sanidade pública galega durante este verán. Segundo denunciou, os problemas afectan tanto á atención primaria como á hospitalaria en todo o territorio galego, consecuencia dunha xestión deficiente e da falta de planificación do Goberno autonómico.
“Non hai asistencia sanitaria garantida nin na atención ordinaria nin na urxente”, afirmou a deputada nacionalista, que instou ao conselleiro de Sanidade a deixar de actuar como “comentarista” e asumir o seu papel como máximo responsable do Sergas.
Prado advertiu que os recortes e a inacción están a ter consecuencias visibles nos centros sanitarios de todo o país. Exemplificou con casos como Viveiro, A Guarda, Cervo, Vigo, Catoira, Vilalba, Redondela, Lalín, Fornelos ou Pazos, onde se rexistran esperas de máis de dúas semanas, falta de médicos ou mesmo ausencia de atención en saúde mental. Tamén denunciou a falta de reforzos nos PAC, ambulancias insuficientes e colapsos nos servizos de urxencias, como no Álvaro Cunqueiro.
A deputada criticou que a Consellería tente “normalizar” esperas de dez ou quince días para obter cita en atención primaria e cualificou de falsas as cifras ofrecidas polo conselleiro. Engadiu que a situación é especialmente grave en zonas turísticas, onde non se reforzan os cadros de persoal malia o incremento de poboación.
“É mentira que no verán fagan falta menos recursos. Hai outras patoloxías, máis accidentes e máis xente”, apuntou, rexeitando o argumento da Consellería para xustificar o peche de arredor de 750 camas hospitalarias.
Montse Prado asegurou que a crise sanitaria se sostén unicamente polo esforzo dos profesionais, con prolongacións de xornada e quendas dobres, e denunciou que a Xunta tampouco está contratando outros perfís sanitarios dispoñibles, como enfermeiras, matronas, TCAES ou celadoras.
Por todo isto, o BNG esixe á Xunta que rectifique, active todos os recursos dispoñibles e contrate máis persoal para garantir unha atención sanitaria digna, poñendo fin a unha política que busca desmantelar o sistema público en beneficio do sector privado.