O BNG defende na Eurocámara que se corrixa o desfase horario en Galiza

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defendeu no Parlamento Europeo a necesidade de axustar o fuso horario de Galiza á súa posición xeográfica natural, lembrando que o actual foi imposto pola ditadura franquista e provoca un dos maiores desaxustes solares do mundo.
Ana Miranda Eurocamara
24 Oct 2025

No debate da Eurocámara sobre a “Eliminación dos cambios de hora estacionais”, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, lembrou que Galiza é un dos países do mundo con maior desfase entre a hora oficial e a hora solar, un desaxuste herdado do ditador Franco, que en 1940 modificou o reloxo español para adaptalo á Alemaña nazi. “É tempo de democratizar o fuso horario”, subliñou a representante nacionalista.

“Se no Estado español hai un desfase dunha hora respecto ao horario solar, na Galiza son dúas”, explicou Miranda na súa intervención. Defendeu que se leve a cabo un axuste real do fuso horario, ao considerar que “tería innegables beneficios para a calidade de vida das galegas e galegos, ademais de contribuír á racionalización dos horarios e ao equilibrio entre vida laboral e persoal”.

A eurodeputada lembrou que o actual fuso non ofrece vantaxes en termos de aforro enerxético nin de benestar cidadán, e insistiu en que “o horario galego debería corresponder co mesmo meridiano de Portugal, Irlanda ou as Illas Canarias”.

Miranda evocou tamén a iniciativa presentada no Senado en 2007 polo entón senador do BNG, Francisco Jorquera, que xa solicitara ao Goberno español o cambio á hora natural galega para mellorar o aproveitamento da luz solar. “Aquel informe do Instituto Enerxético de Galiza (Inega) demostrou que o cambio de hora apenas supón un aforro inferior ao 1% no consumo enerxético, fronte ao 5% do conxunto do Estado”, recordou.

Segundo a eurodeputada, ese escaso aforro “explícase porque o noso país está nun fuso horario que xeograficamente non lle corresponde”. Por iso, reclamou que “Europa decida de forma coordinada sobre o cambio horario, pero que o Goberno español teña en conta a hora natural de Galiza e non a hora política imposta polo franquismo”.

“Desde o Bloque Nacionalista Galego levamos máis de dúas décadas reclamando esta corrección histórica e racional”, concluíu Miranda na súa intervención.

⚙ Configurar cookies
0.30130982398987