O BNG denuncia 45 anuncios incumpridos de Rueda e acusa á Xunta de “propaganda e falta de proxecto”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) fixo público un informe no que recolle 45 anuncios incumpridos polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, correspondentes a diferentes debates de política xeral e ao discurso de investidura.
O viceportavoz segundo do BNG no Parlamento, Luís Bará, cualificou o balance de “absolutamente demoledor” e asegurou que evidencia “o carácter propagandístico destes discursos e a falta de proxecto político dun goberno instalado no autobombo e no conformismo”.
Segundo explicou, moitas das medidas foron anunciadas en reiteradas ocasións sen chegar a executarse ou incumprindo prazos e cifras comprometidas.
Entre os exemplos citados figura a creación dun fondo público-privado de 300 millóns de euros para impulsar proxectos industriais, anunciado tanto en 2023 como no discurso de investidura de 2024, pero que, segundo o BNG, “nunca chegou a concretarse”.
Tamén destacou o incumprimento dun pacto pola industria e a enerxía, que Rueda propuxera abrir ao conxunto das forzas políticas pero que, segundo Bará, nunca chegou a convocarse.
No ámbito dos servizos públicos, o informe recolle promesas como a xeneralización de psicólogos clínicos nos centros de saúde ou a apertura do primeiro centro público de coidados intermedios, que tampouco se materializaron.
En educación, o deputado nacionalista lembrou o anuncio de axudas para actividades extraescolares e reforzo escolar, que, segundo indicou, “non existen a día de hoxe”.
A vivenda é outro dos ámbitos destacados no informe. Bará criticou que o obxectivo de duplicar o parque público ata as 8.000 vivendas non se está cumprindo, xa que as vivendas cualificadas nos últimos anos non chegan ás 300, mentres a demanda supera as 30.000 persoas.
No relativo ao medio rural e á loita contra incendios, o BNG denuncia que seguen sen aprobarse as leis comprometidas en 2023, tanto a de loita integral contra incendios como a de montes veciñais en man común.
Ademais, Bará sinalou que tampouco se puxeron en marcha outras iniciativas anunciadas, como unha rede de centros de innovación agroalimentaria, un plan estratéxico para o turismo rural, a Rede Adival de difusión cultural ou novas oficinas de orientación xuvenil.
O informe tamén recolle incumprimentos en materia de igualdade, como un plan para a formación e contratación de mulleres en sectores masculinizados que, segundo o BNG, segue sen aprobarse.
Para o Bloque, este conxunto de medidas non executadas evidencia unha “falta de credibilidade” do presidente da Xunta e un goberno que “ralentiza os compromisos mentres prioriza intereses alleos ás necesidades da cidadanía”.