O BNG denuncia a “axenda oculta” do Executivo de Rueda para especular co litoral

O BNG critica que o PP pretende privatizar bens culturais e favorecer a especulación urbanística e turística no litoral. Presentará en Cangas a súa proposta alternativa baixo o lema O noso mar, o noso futuro.
luis Bara
29 Sep 2025

O BNG acusa ao Executivo de Alfonso Rueda de ter unha “axenda oculta” para o litoral galego orientada á especulación co dominio público. O viceportavoz parlamentario e responsábel de Medio Ambiente, Luís Bará, denunciou que “a prioridade número un do PP de Rueda para o litoral é a privatización dos bens culturais da costa, un auténtico pelotazo para favorecer a determinadas empresas amigas”.

Segundo Bará, esta axenda supón “maior presión urbanística, turística e de actividades extractivas como a eólica mariña”, en detrimento dos usos tradicionais residenciais e das actividades pesqueiras e marisqueiras. “A verdadeira axenda de Rueda para o litoral é a especulación en relación cos bens do patrimonio cultural, a intensificación da presión urbanística, a falta de previsión ante o cambio climático e a desatención ás actividades económicas tradicionais como o marisqueo, a pesca sustentable e a acuicultura extensiva”, engadiu.

Como alternativa, o BNG presentará a súa proposta nun encontro o próximo 1 de outubro en Cangas, baixo o título O noso mar, o noso futuro. O acto contará coa participación de alcaldes, cargos institucionais e a portavoz nacional, Ana Pontón.

A chamada Axenda Galega do Litoral inclúe medidas como que Galicia asuma todas as competencias vinculadas co mar e a costa —desde Salvamento Marítimo e loita contra a contaminación mariña até centros de investigación oceanográfica, ISM, capitanías marítimas ou servizos meteorolóxicos—.

Tamén recolle a coparticipación dos concellos na xestión do litoral, o incremento de investimentos en saneamento e a protección das actividades económicas ligadas á pesca, ao marisqueo e ao complexo mar-industria.

Bará contrapuxo o modelo nacionalista á “política de propaganda” do PP, exemplificada no “suposto cumio do litoral” celebrado o 18 de setembro no Gaiás, que cualificou de “curutiño” pola falta de contido e de anuncios de relevancia.

⚙ Configurar cookies
0.25927901268005