O BNG denuncia a falta de planificación da Xunta para o Xacobeo 2027

Saleta Chao critica a ausencia de coordinación con Santiago e alerta de que non hai comisión nin plan estratéxico definido.
Saleta CHAO
8 Apr 2026

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denunciou a “ausencia de planificación” da Xunta de Galicia para o Xacobeo 2027 e criticou a falta de coordinación co Concello de Santiago.

A deputada nacionalista Saleta Chao asegurou que, a poucos meses da celebración do Ano Santo, o Goberno galego aínda non creou unha comisión de coordinación como a que existiu en anteriores edicións nin presentou un plan estratéxico de comunicación ou unha programación detallada.

“É insólito que a Xunta planifique o Ano Santo compostelán sen Compostela”, sinalou Chao, quen acusou ao Executivo autonómico de manter unha “teima de non colaborar con ninguén”.

A parlamentaria tamén cuestionou a estratexia turística da Xunta, criticando que pretenda presentar Galicia como un “destino seguro e estable” no contexto da crise xeopolítica internacional. Segundo indicou, esta mensaxe xa fora utilizada anteriormente ao promocionar Galicia como “refuxio climático”.

Chao reclamou información sobre as previsións de visitantes —máis aló de superar os nove millóns—, así como sobre as medidas de acollida, innovación e programación cultural previstas para o Xacobeo 2027.

Para o BNG, o Ano Santo é un dos principais motores turísticos de Galicia, polo que considera imprescindible unha planificación anticipada, coordinación institucional e unha estratexia clara

0.27726316452026