O BNG denuncia as manobras do Goberno de Rueda para agochar os Orzamentos e obstaculizar o traballo da oposición

A portavoz de Facenda do BNG no Parlamento de Galicia, Noa Presas, denunciou as “manobras” do Goberno de Alfonso Rueda para “obstaculizar o traballo de control e fiscalización da oposición” durante a tramitación dos Orzamentos da Xunta para o ano 2026.
A deputada nacionalista esixiu unha rectificación inmediata e reclamou que, “en aras da democracia e da transparencia, o proxecto orzamentario se remita á Cámara coa máxima prontitude, unha vez aprobado polo Consello da Xunta, e sen dilatar os prazos”.
Presas referiuse así ao calendario manexado polo Executivo, que segundo transcendeu aprobará o proxecto de Contas de 2026 mañá venres, mais non o remitirá ao Parlamento até o luns, o que supón unha demora respecto a anos anteriores.
A portavoz do Bloque criticou que Rueda se dedique a facer anuncios propagandísticos sobre os Presupostos “mentres agocha a documentación ao Parlamento”, rompendo o “protocolo habitual” de tramitación e “obstaculizando conscientemente o labor de control da oposición”.
“Prevemos unha fin de semana chea de anuncios propagandísticos que as galegas e os galegos non poderán contrastar porque se está a agochar a documentación”, advertiu Presas, quen engadiu que este comportamento anticipa o que adoita ocorrer con cada proxecto orzamentario do PP.
“Isto anticipa o que xa vimos noutras ocasións: un orzamento cheo de propaganda e publicidade que logo é arrasado por modificacións orzamentarias, facendo que o proxecto final non se pareza en nada ao inicial”, concluíu a deputada.