O BNG denuncia “caos” pola improvisación do PP na implantación da oficina xudicial

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Iago Tabarés, denunciou no Pleno do Parlamento de Galicia a “situación de caos” que, ao seu xuízo, se está a vivir nos tribunais de instancia dos sete grandes partidos xudiciais de Galiza tras a implantación da nova oficina xudicial.
Tabarés sinalou especialmente o caso de Ourense, que cualificou como “unha vez máis experimento da Xunta”, e criticou a “falta de planificación e improvisación” do Goberno do PP cando apenas transcorreu un mes desde a posta en marcha do novo modelo.
Segundo explicou, tras manter contactos coa avogacía, a procura, os corpos de auxilio, tramitación e xestión e os sindicatos, todas as partes coinciden en definir a situación como “caótica”. O deputado reclamou ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes que “tome a xustiza en serio, dialogue, planifique e adopte medidas urxentes”.
Entre as deficiencias detectadas, Tabarés destacou que o programa de xestión Atenea aínda non está operativo, nin en castelán nin en galego, malia os compromisos previos. Ademais, denunciou problemas de acceso ás aplicacións informáticas, expedientes amoreados que non se poden localizar, cambios reiterados na localización dos postos de traballo e colapso no rexistro, con actuacións pendentes desde novembro.
O deputado do BNG alertou tamén de situacións como resolucións declaradas firmes pese a existir recursos sen rexistrar, así como da acumulación de máis de 4.000 asuntos en tramitación e case 9.000 pendentes de execución.
Tabarés fixo especial fincapé na situación do persoal funcionario, que —segundo indicou— está a asumir tarefas que non lle corresponden por lei, nun contexto de falta de coordinación e cambios constantes de normas internas. “Isto non é serio e a xustiza non pode permitirse estes experimentos”, concluíu.