O BNG denuncia na Eurocámara os prexuízos para Galiza tras 40 anos na Unión Europea

Ana Miranda critica o impacto das políticas europeas nos sectores produtivos galegos e destaca como unha vitoria que o Parlamento Europeo traslade o acordo UE-Mercosur ao Tribunal de Xustiza da UE.
Ana Miranda
22 Jan 2026

A eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego, Ana Miranda, denunciou esta semana na Parlamento Europeo os efectos negativos que, ao seu xuízo, tiveron para Galiza os 40 anos de pertenza á Unión Europea, tanto no ámbito dos sectores produtivos como na xestión dos fondos comunitarios.

Miranda criticou que as decisións adoptadas nas institucións europeas supuxeron recortes continuados e un deterioro progresivo do tecido produtivo galego. “Son 40 anos de recortes, de redución da nosa frota pesqueira e do noso agro, cun programa perfectamente calculado para a destrución dos nosos sectores produtivos”, afirmou. Nesa liña, explicou que o BNG decidiu non participar nos actos conmemorativos organizados pola Eurocámara ao considerar que non representan unha celebración para Galiza.

A eurodeputada nacionalista sinalou tamén que a perda de emprego e actividade é visible nos datos de redución de embarcacións e explotacións agrarias, e responsabilizou ao Estado español dunha negociación “mala e prexudicial” dos intereses galegos dentro da UE. Como exemplo, referiuse ao acordo comercial entre a UE e o Mercosur, que cualificou de especialmente daniño para o sector agrogandeiro galego.

Neste contexto, Ana Miranda destacou como unha vitoria política a aprobación dunha resolución no Parlamento Europeo para trasladar o acordo UE-Mercosur ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea, co obxectivo de que determine se é compatible cos tratados europeos. A resolución saíu adiante con 334 votos a favor, 324 en contra e 11 abstencións.

“Hoxe gañamos algo moi importante”, afirmou Miranda, que cualificou o procedemento seguido pola Comisión Europea e polo Consello como “non democrático”, ao entender que se aprobou o acordo “de costas ao Parlamento Europeo e aos sectores afectados”. Segundo explicou, mentres o Tribunal non se pronuncie, o acordo marco quedará en suspenso, aínda que non se descarta que a parte comercial poida aplicarse de maneira provisional.

A eurodeputada do BNG subliñou que esta é “unha batalla política de grande envergadura” na que o seu grupo defende os intereses do sector agrogandeiro galego e da cidadanía. “Somos a voz galega en Europa, a voz dos nosos gandeiros e gandeiras, e imos seguir denunciando este acordo nas institucións e tamén nas rúas”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.22804999351501