O BNG denuncia o estado “calamitoso” das infraestruturas sanitarias galegas e esixe á Xunta un plan de emerxencia

O BNG denunciou no Parlamento o “estado calamitoso” das infraestruturas sanitarias galegas e reclamou á Xunta a posta en marcha dun plan de emerxencia “orzamentado e calendarizado” para avaliar e mellorar a situación dos centros públicos de saúde.
A iniciativa, presentada pola deputada nacionalista Iria Carreira na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, propoñía que o Goberno galego elaborase nun prazo máximo de seis meses un documento que identificase deficiencias estruturais, problemas de accesibilidade e condicións de conservación en hospitais e centros de saúde, co obxectivo de garantir condicións dignas de atención sanitaria.
Durante a súa intervención, Carreira alertou de derrubamentos de falsos teitos, cuartos sen baño, deficiencias de climatización e espazos inadecuados para persoas con mobilidade reducida, citando casos concretos como o Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, o Hospital Universitario de Ourense e o Psiquiátrico de Conxo, onde o Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura denunciou condicións “insalubres”.
A deputada criticou que ao PP “gústalle moito presumir cando inaugura un centro”, pero “a realidade demostra que a situación dista moito de ser a axeitada”. Lamentou que, a pesar da gravidade dos exemplos expostos, o PP votase en contra da proposta, rexeitando así a creación dun plan específico para corrixir estas carencias.
O BNG subliñou que a súa iniciativa responde á preocupación pola degradación continua das infraestruturas sanitarias, que afecta tanto a doentes como a profesionais, e instou á Xunta a asumir a súa responsabilidade no mantemento e adaptación dos centros públicos, garantindo un sistema sanitario seguro, accesible e humanizado.