O BNG denuncia o peche de 750 camas no verán mentres a Xunta deriva fondos á sanidade privada

O BNG acusa á Xunta de deixar sen atención sanitaria á poboación durante o verán mentres deriva fondos á sanidade privada.
Montse Prado
9 Jul 2025

A portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado, criticou no Parlamento galego o plan sanitario de verán da Xunta, que segundo indicou consiste en repetir a fórmula dos últimos anos: peche de 750 camas hospitalarias e mínimos recursos en quirófanos, consultas e probas diagnósticas. A deputada nacionalista denunciou que esta estratexia deixa á poboación sen cobertura axeitada durante os meses de maior demanda, especialmente en zonas turísticas.

Prado sinalou tamén a sobrecarga do persoal sanitario, que debe cubrir vacacións e baixas sen reforzos suficientes, ao tempo que a Xunta deriva fondos públicos á sanidade privada, con 20 millóns transferidos entre xaneiro e maio. A situación nas urxencias, segundo explicou, é insostible, con casos como o de Manuel, de 95 anos, esperando dúas horas por unha cama no HULA, ou Mercedes, con ictus, sen atención dun cardiólogo.

A nacionalista advertiu ademais de que a Atención Primaria tamén se ve afectada, con centros de saúde sen cubrir quendas ou con facultativos voluntarios, o que repercute negativamente na calidade asistencial. Propuxo medidas como reforzar os PACs en zonas turísticas, garantir pediatras especialistas e evitar o peche de unidades hospitalarias.

Finalmente, o BNG solicitou un informe sobre os cambios orzamentarios que derivaron 30 millóns de produtividade fixa a produtividade variable, o que para Prado evidencia “opacidade e manipulación dos datos por parte da Xunta”.

⚙ Configurar cookies
0.53704595565796