O BNG denuncia os plans do Goberno de Rueda para impoñer unha ‘lei mordaza’ nos centros educativos

A portavoz de Educación do BNG no Parlamento, Cristina Fernández, denunciou hoxe os plans do Goberno galego para impoñer unha “mordaza” nos centros de ensino, ao pretender controlar as actividades que se realizan nas aulas baixo o argumento dunha suposta “neutralidade ideolóxica”, tal como avanzou o conselleiro de Educación, Román Rodríguez.
Segundo Fernández, o que realmente busca o Executivo do PP é aplicar “un rodete de censura” para frear o pensamento crítico do alumnado e evitar que se expresen contra as políticas da Xunta. Considera esta intención unha mostra máis do carácter antidemocrático e autoritario do Goberno de Rueda.
A deputada subliñou que esta iniciativa chega despois de mobilizacións estudantís en apoio á causa palestina, contra a instalación da fábrica de Altri ou pola situación do ensino galego. Para o BNG, esta proposta busca neutralizar esas voces críticas e responde ás directrices da dirección estatal do PP e aos intereses electorais de Alberto Núñez Feijóo, cada vez máis próximos á extrema dereita.
Ademais, denunciou que os novos plans da Consellería para o vindeiro curso poñen aos centros educativos nunha situación “inviábel”, ao obrigalos a presentar a principios de curso todas as actividades previstas durante o ano, co obxectivo de facilitar a censura previa por parte da administración.
Fernández tamén advertiu que o Consello Escolar de cada centro, até o de agora responsable de aprobar estas actividades, verá recortadas as súas competencias e capacidade de decisión. “Desde o BNG rexeitamos firmemente estas medidas antidemocráticas”, afirmou.
A nacionalista concluíu asegurando que o BNG sempre defenderá un ensino que fomente o pensamento crítico, a liberdade de expresión e a formación integral do alumnado, con valores democráticos e sociais. “Só así teremos unha sociedade mellor para o futuro do noso País”, rematou.