O BNG denuncia que a mocidade galega cobra 5.200 euros menos ao ano polo mesmo traballo

O deputado do BNG, Iago Suárez, denunciou a discriminación salarial que, ao seu xuízo, sofre a mocidade galega, que cobra de media 5.203 euros menos ao ano que o conxunto de traballadores e traballadoras polo mesmo labor.
Segundo datos da Enquisa de Estrutura Salarial, as persoas menores de 34 anos perciben en Galiza 20.076 euros anuais fronte aos 25.279 euros da media global, o que supón unha diferenza do 20%.
Suárez subliñou tamén que a mocidade galega está en desvantaxe respecto á do conxunto do Estado, onde os traballadores de entre 25 e 34 anos cobran de media 23.376 euros anuais, arredor de 3.000 euros máis que en Galiza.
O deputado cualificou esta situación de “inaceptable” e alertou de que os empregos aos que accede a poboación menor de 35 anos adoitan ser máis precarios, menos estables e peor retribuídos.
“A promesa de que estudando e esforzándonos poderíamos atopar un traballo ben pagado e desenvolver o noso proxecto vital é unha mentira”, afirmou, cuestionando a efectividade das políticas de emprego xuvenil da Xunta.
O nacionalista criticou que o Goberno galego destinase case 30 millóns de euros a programas que, segundo indicou, teñen un compoñente “propagandístico e accesorio”, e reclamou explicacións sobre os seus resultados reais.