O BNG denuncia que a Xunta deixa sen resposta 22.680 familias que buscan unha vivenda protexida

A deputada do BNG Alexandra Fernández alertou de que máis de 22.600 familias inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda non reciben resposta da Xunta
Alexandra Fernandez
1 Dec 2025

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Alexandra Fernández, denunciou este domingo a “situación límite” que atravesan miles de familias galegas agardando por unha vivenda protexida, acusando á Xunta de “inacción” e de lanzar “promesas baleiras” sen dar alternativas reais.

Segundo os datos achegados polo BNG, 22.680 persoas están inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda, sen recibir resposta nin opcións de acceso a un fogar por parte do Goberno autonómico. Delas, 19.000 familias —o 84%— precisan unha Vivenda de Promoción Pública (VPP). A cifra contrasta coas apenas 40 VPP entregadas en todo o 2023.

Fernández asegurou que é “practicamente imposible” conseguir vivenda a través deste rexistro e desmontou os anuncios da Xunta sobre ter “3.000 vivendas públicas en marcha”. Segundo indicou, 2.000 desas vivendas nin sequera teñen o contrato de obra licitado e, en tres anos, só se licitou a construción de 1.000, que aínda non están rematadas.

O BNG propón medidas e acusa á Xunta de desaproveitar recursos

Entre as alternativas postas enriba da mesa polo Bloque destaca o dereito de adquisición preferente das vivendas protexidas que saian á venda. Só nos próximos cinco anos, 14.000 vivendas protexidas perderán esta condición.

“Se a Xunta tivese comprado as vivendas protexidas vendidas desde 2010, tería incorporado 6.992 vivendas ao parque público, triplicando o seu tamaño”, explicou Fernández. “Pero exerceron ese dereito cero veces”.

Outra proposta é ampliar este dereito ás zonas con maiores dificultades de acceso á vivenda, medida que podería contar cun financiamento estatal de ata o 85%, pero que —segundo a deputada— a Xunta tampouco está a utilizar.

Fernández tamén acusou á Xunta de “boicotear” a chegada de máis financiamento ao negarse a declarar “mercados tensionados”, condición necesaria para que os promotores accedan a 100 euros adicionais por metro cadrado en axudas estatais.

“O rexistro está colapsado polas políticas do PP”, concluíu. “A Xunta pensa máis na propaganda para encubrir o desastre que en ofrecer solucións reais ás miles de familias que agardan por un teito”.

⚙ Configurar cookies
0.35604000091553