O BNG denuncia que o infrafinanciamento do SAF asfixia os concellos, precariza o emprego e agrava o colapso do servizo

Olalla Rodil cualifica de “case un insulto” a proposta de pagar 18 euros por hora en 2028 cando o custo real do servizo xa supera os 23 e 25 euros, e alerta do impacto na seguridade das traballadoras.
Olalla
26 Jan 2026

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Olalla Rodil, denunciou o infrafinanciamento crónico do Servizo de Atención á Familia (SAF) por parte da Xunta de Galiza e do Estado español, unha situación que —segundo advertiu— está a asfixiar economicamente os concellos, precarizar o emprego das traballadoras e agravar os problemas estruturais do servizo.

Rodil criticou con dureza a proposta de financiamento presentada polas administracións, que prevé acadar os 18 euros por hora en 2028. “É case un insulto”, afirmou, tendo en conta que o custo real do servizo xa supera amplamente esa contía. Segundo explicou, en moitos concellos o prezo da hora ordinaria sitúase entre os 23 e os 25 euros, chegando incluso a superar esa cifra en domingos e festivos.

Como exemplo, a deputada citou o caso do Porriño, onde o custo é de 23,79 euros por hora; Láncara, con 24 euros; ou Vila de Cruces, con 23,31 euros a hora ordinaria, que se elevan ata os 26,81 euros en días festivos. “Que Xunta e Estado pretendan pagar 18 euros á hora dentro de dous anos non cobre nin de lonxe o custo real do servizo”, subliñou, lembrando ademais que a Lei de Dependencia establece que o financiamento debe ser asumido ao 100 % polas administracións autonómica e estatal.

A deputada do BNG advertiu de que este déficit de investimento mantén o SAF “ao bordo do colapso”, con listas de espera “inadmisibles” en toda Galicia e cunha precariedade laboral que cualificou de “insoportable”. Segundo indicou, as traballadoras levan anos reclamando un novo convenio colectivo que mellore as súas condicións laborais e incremente salarios que, na actualidade, se sitúan por baixo do salario mínimo interprofesional.

Rodil puxo tamén o foco na seguridade das empregadas do servizo, lembrando o asasinato da traballadora Teresa de Jesús no Porriño o pasado mes de xullo, mentres atendía unha persoa dependente. “Teresa advertira da situación tanto á empresa como ao concello”, recordou, engadindo que tras o crime todas as administracións se comprometeron a aplicar protocolos de prevención da violencia. “Como se van garantir esas medidas de seguridade con este financiamento?”, preguntou, cuestionando a falta de compromiso real do Goberno galego.

A deputada concluíu reiterando a postura do BNG: o financiamento do SAF debe ser asumido pola Xunta e polo Estado conforme marca a lei e axustarse ao custo real do servizo. “É a única maneira de garantir a viabilidade do SAF, a dignidade laboral das profesionais e o dereito das persoas dependentes a unha atención de calidade”, rematou.

⚙ Configurar cookies
0.22654914855957