O BNG denuncia que o PP está desmantelando a dependencia como servizo público para favorecer o negocio da privada

A deputada do BNG, Olalla Rodil, acusou ao Goberno de Alfonso Rueda de recortar servizos públicos e privatizar a dependencia, devolvendo os coidados ás mulleres e favorecendo o negocio privado. Entre xaneiro e setembro o Servizo de Axuda no Fogar perdeu máis de 3.400 persoas usuarias.
Olalla
19 Oct 2025

A deputada e responsable de Política Social do BNG, Olalla Rodil, denunciou este mércores na Comisión 5ª do Parlamento galego que o PP está desmantelando a dependencia como servizo público, substituíndo o modelo profesional por un sistema asistencialista e privatizador que “precariza, individualiza e devolve os coidados ás casas e aos lombos das mulleres”.

“O PP está a desmantelar o servizo público e profesional para substituílo por asistencialismo ou privatización, devolvendo os coidados ás mulleres —que representan o 82% das persoas coidadoras— e engordando o negocio privado coa necesidade da xente”, advertiu Rodil.

A nacionalista sinalou que entre xaneiro e setembro de 2025, o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) perdeu 3.432 persoas usuarias, mentres que os centros de día perderon 991, e as axudas asistencialistas aumentaron en máis de 10.400. “Falamos de axudas por coidado que non chegan aos 400 euros, menos da metade do salario mínimo, e que non garanten dereitos”, criticou.

Rodil recriminou ao PP que fale de liberdade de escolla: “Para escoller hai que ter opcións, e o colapso do SAF fai imposible acceder a el. Que liberdade é esa na que tes que decidir entre 400 euros pírricos ou unha lista de espera?”, cuestionou.

A deputada advertiu tamén que o Goberno de Rueda continúa recortando o orzamento do SAF, con 5 millóns de euros menos en maio e outros 12 millóns en xuño, é dicir, 17 millóns recortados en só dous meses. “Estamos ante un servizo esencial da dependencia ao bordo da creba pola falta de financiamento, como levan denunciando os concellos galegos”, explicou.

“O PP di que ningún concello que pide horas se lle negan, pero como van aumentar as horas se non teñen con que pagalas?”, engadiu, lembrando que mesmo concellos gobernados polo PP están ao bordo da quebra por esta situación.

Finalmente, Rodil alertou de que por primeira vez en Galicia hai máis persoas dependentes pagando unha residencia privada que ocupando unha praza pública ou concertada. Máis de 7.700 persoas reciben unha axuda “pírrica” de entre 361 e 420 euros ao mes —o coñecido como Bono Residencia— para pagar prazas privadas que teñen un custo medio de 2.000 euros mensuais “e subindo”.

Fronte a este modelo, o BNG defende unha rede pública forte de servizos sociais, “como a sanidade ou a educación”, para garantir unha vida digna especialmente na vellez. “O Goberno de Rueda debe decidir se quere seguir desmantelando o sistema ou apostar de verdade por blindar os dereitos das persoas maiores e dependentes deste país”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.2288990020752