O BNG denuncia TACs “demoledores” para o sector pesqueiro galego en 2026 e exixe medidas urxentes

O BNG alerta do grave impacto dos recortes aprobados pola Comisión Europea nos TACs para 2026 e reclama ao Goberno do Estado que os rexeite e active medidas compensatorias para o sector pesqueiro galego.
Carmen da Silva
24 Dec 2025

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denunciou o grave impacto que terá para o sector pesqueiro galego o acordo acadado pola Comisión Europea o pasado 12 de decembro sobre os Totais Admisíbeis de Captura (TACs) e cotas para o ano 2026. Segundo advirte a formación nacionalista, trátase dun acordo que supón recortes severos para a frota do Atlántico e que volve ignorar o impacto social e económico destas decisións nas comarcas do litoral.

A senadora do BNG, Carme da Silva, cualificou o acordo de “auténtica xerra de auga fría para a Galiza”, ao permitir un recorte do 70 % na cota de xarda e do 41 % na de lirio ou mexete, dúas especies clave para a frota galega. Da Silva criticou que a Comisión Europea “segue aplicando criterios exclusivamente biolóxicos, sen incorporar a perspectiva socioeconómica”, a pesar de existiren informes que alertan das consecuencias destas decisións sobre o emprego e a viabilidade do sector.

Segundo as estimacións trasladadas polo propio sector, estes recortes poderían provocar perdas económicas de entre 32 e 38 millóns de euros, afectando directamente a cerqueiros, arrastreiros, artes menores e tamén á industria transformadora vinculada á pesca. Un informe da Universidade de Santiago de Compostela estima que o impacto directo na frota galega será de até 28,4 millóns de euros no caso da xarda e de máis de 11 millóns no do lirio.

O acordo europeo inclúe ademais reducións noutras especies de grande interese para a frota galega, como o xurelo, o abadexo, o ollomol, o rape ou a pescada, e mantén a prohibición de capturar cigala fronte á costa galega, agravando aínda máis a situación de numerosas embarcacións.

Ante este escenario, o BNG exixe ao Goberno do Estado que rexeite estes recortes nas instancias europeas, que se incorporen criterios socioeconómicos reais á política pesqueira común e que se activen medidas compensatorias e axudas para cubrir os novos paros biolóxicos.

Así mesmo, Carme da Silva reclamou que o Ministerio manteña reunións urxentes cos sectores afectados para dar resposta a unha crise que, segundo advertiu, pon en risco o futuro de miles de familias que dependen directamente da pesca no litoral galego.

⚙ Configurar cookies
0.31264495849609