O BNG e Ferraz apoian a candidatura de Carmela López a presidir a Deputación provincial

Os representantes nacionalistas acadaron co PSOE un acordo para incrementar medio millón de euros os fondos do Plan Deputación de 2027
Carmela-Lopez-PSOE-Burela-2023
12 Jan 2026

O grupo provincial do BNG avanzou o seu voto a favor da candidatura de Carmela López Moreno á presidencia da Deputación de Lugo no pleno que se celebrará este mércores -14 de xaneiro, ás 12.00 horas-.

A formación nacionalista fixo pública a súa postura tras a reunión mantida esta tarde con representantes do PSdG-PSOE de Lugo na que se concretaron as conversas mantidas nos últimos días entre os dous grupos políticos.

O BNG amosou así a súa disposición a dar continuidade no goberno á maioría de esquerdas que saíu das eleccións municipais de 2023. Nese sentido, os deputados nacionalistas valoraron os avances logrados polos executivos de coalición nos últimos seis anos e medio nos que consolidaron o Plan Deputación, ampliaron a rede pública de Centros de Atención a Maiores, reforzaron o apoio aos sectores produtivos e ao tecido asociativo e avanzaron na mellora de espazos públicos, bens patrimoniais e instalacións de titularidade provincial.

Os representantes do BNG incidiron na necesidade de devolver a normalidade institucional á Deputación e de seguir avanzando na súa modernización e no fortalecemento da colaboración cos concellos e co tecido produtivo, social, cultural e deportivo.

A este respecto, na reunión mantida esta tarde, acordouse incrementar en medio millón de euros os fondos do Plan Deputación de cara ao 2027, dando un novo impulso á dotación orzamentaria deste instrumento de apoio económico aos concellos da provincia.

Os representantes nacionalistas ratificaron a necesidade de preservar a institución fronte á estratexia do Partido Popular que está a utilizar unha denuncia de acoso sexual como arma arreboladiza contra o BNG e parapeto para tratar de chegar a un goberno que non logrou nas eleccións municipais.

FERRAZ

Pola súa banda, a Comisión Federal de Listas do PSOE ratificou a proposta formulada polo PSdeG-PSOE para que Carmela López Moreno sexa a candidata socialista á Presidencia da Deputación de Lugo.

A ratificación produciuse na reunión da Comisión Federal de Listas, no marco do procedemento establecido nos Estatutos Federais e no Regulamento Federal de Desenvolvemento, unha vez elevada a proposta acordada polos órganos do PSdeG.

A decisión foi comunicada á secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, para o seu traslado aos deputados e deputadas provinciais socialistas na Deputación de Lugo aos efectos oportunos.

Carmela López Moreno é alcaldesa de Burela e deputada provincial, ámbito no que vén destacando pola defensa dun modelo de desenvolvemento equilibrado para A Mariña e para o conxunto da provincia, cunha aposta clara polo fortalecemento dos servizos públicos, o apoio aos concellos e a cohesión territorial.

Dende o PSdeG subliñan que esta ratificación permite avanzar na conformación dun proxecto sólido para unha Deputación útil, próxima e comprometida coa igualdade de oportunidades en toda a provincia de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.2364649772644