O BNG e un deputado socialista auséntanse da Xunta de Goberno da Deputación de Lugo por estar Tomé presidíndoa

Fontes do PSOE apuntaron que ao longo da mañá comunicarán os pasos a seguir e se se formalizará, ou non, a renuncia
jose-tome-psoe-lugo
12 Dec 2025

A crise aberta na Deputación de Lugo pola situación do seu presidente, José Tomé, derivada das denuncias por acoso sexual coñecidas esta semana, provocou este venres unha nova ruptura institucional. Os tres deputados do Bloque Nacionalista Galego, co vicepresidente provincial Efrén Castro á cabeza, non asistiron á sesión da Xunta de Goberno ao teren constancia de que Tomé ía presidila malia ter anunciado a súa dimisión para o día de hoxe. A esta ausencia sumouse tamén o abandono da reunión por parte do deputado socialista e alcalde de Castroverde, Xosé María Arias Fernández.

Os nacionalistas explicaron que esperaban que se formalizase unha delegación de funcións en Efrén Castro de maneira inmediata, algo que consideran “lóxico” dada a renuncia anunciada por Tomé. Porén, ao comprobaren que o presidente seguía no cargo e que non se oficializara a súa demisión, decidiron non participar na sesión. “É necesario que o PSOE faga efectiva a renuncia e convoque un Pleno Extraordinario, que podería celebrarse este luns segundo o regulamento”, afirmou Castro ás portas do Pazo de San Marcos. O BNG advertiu ademais que non permitirá que “se alongue este dislate” e lembrou que, se o proceso non se axiliza, tomarán medidas, entre elas abandonar o Goberno provincial.

A tensión institucional incrementouse despois de que o socialista Xosé María Arias, integrante da candidatura que disputou a Tomé a dirección do PSOE provincial, optase tamén por ausentarse da reunión. Sinalou que “foi superior ás miñas forzas velo sentar presidindo a reunión”. Afirmou respectar o dereito do presidente a defenderse das acusacións, pero cualificou de “inadecuado” que actuase “coma se nada pasase”. “Fixen o que debía polo meu partido, pero isto é superior ás miñas forzas”, concluíu.

Finalmente, a Xunta de Goberno celebrouse unicamente co resto dos deputados socialistas. Pola súa banda, fontes do PSOE apuntaron que ao longo da mañá comunicarán os pasos a seguir e se se formalizará, ou non, a renuncia de Tomé, anunciada o pasado mércores e que o propio presidente se comprometera a facer efectiva este venres.

⚙ Configurar cookies
0.30710411071777