O BNG emenda os Orzamentos para poñer o foco na vivenda con 110 millóns de euros

Ana Pontón anuncia que o BNG presentará emendas aos Orzamentos de 2026 centradas na vivenda, nos servizos públicos e no desenvolvemento económico
Ana Ponton
4 Nov 2025

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou en rolda de prensa que o seu grupo emendará os Orzamentos de 2026 para poñer o foco na vivenda, na defensa dos servizos públicos e nun modelo alternativo de desenvolvemento económico, co obxectivo de corrixir unhas contas que, segundo afirmou, “non van solucionar os problemas da maioría da xente deste país”.

Pontón explicou que o Bloque presentará unha emenda á totalidade duns Orzamentos que cualificou como “o retrato perfecto do Goberno de Rueda: estancado, sen ideas e que mantén a Galiza en punto morto”. Avanzou tamén unha serie de emendas estruturais destinadas a poñer no centro “os problemas reais dos galegos e das galegas”.

Vivenda: 110 millóns de euros adicionais e 4.000 pisos en alugueiro

A líder nacionalista sinalou que a vivenda é “o primeiro problema que ten a xente deste país” e propuxo mobilizar 110 millóns de euros adicionais para políticas públicas de vivenda. O obxectivo é crear un parque público de alugueiro asequible, accesible para a clase traballadora e a mocidade.

O BNG propón que a Xunta desenvolva un programa intensivo de compra de vivenda para poñer no mercado 4.000 vivendas en cinco anos, aproveitando parte das máis de 90.000 vivendas baleiras que existen nas grandes cidades.

Pontón tamén aposta por conter os prezos dos alugueiros, dotando á Xunta de recursos para declarar por si mesma zonas tensionadas e limitar a suba das rendas. Ademais, pide limitar o número de vivendas turísticas e activar políticas que mobilicen vivenda baleira.

“Se queremos solucionar o problema da vivenda, hai que actuar aquí e agora, non fiar todo a construír máis vivenda pública que tarda anos en facerse”, advertiu.

Servizos públicos: 400 millóns de euros para sanidade, coidados e educación

Pontón denunciou que o PP “deteriora os servizos públicos por ideoloxía” e anunciou que o segundo bloque de emendas se centrará en reforzar o sistema público, con 400 millóns de euros adicionais.

Propón reforzar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) con 15 millóns de euros máis, para garantir que en dous anos a Xunta aboe polo menos 20 euros a hora aos concellos, e 30 millóns de euros para ampliar centros de día e residencias públicas que aseguren “unha vellez digna”.

O BNG tamén propón un plan de choque de 250 millóns de euros para a atención primaria, para aumentar recursos humanos, mellorar condicións laborais e incorporar novas categorías profesionais.

Inclúe ademais unha partida de 5 millóns de euros para contratar 100 psicólogos e psicólogas na atención primaria, ante a falta de dotación do Plan de Saúde Mental do PP, e unha emenda de 130 millóns de euros para reducir as listas de espera hospitalarias, que seguen sendo máis altas que antes da Covid-19.

En educación, propón un Plan de Mellora da Atención Educativa para incrementar o persoal nos centros, especialmente para o alumnado con necesidades educativas especiais, e reducir os rateos por aula.

Economía e desenvolvemento: 570 millóns de euros para un modelo produtivo científico e innovador

O BNG destinará un terceiro bloque de emendas por valor de 570 millóns de euros para “poñer Galiza a producir” cun modelo baseado na ciencia e na tecnoloxía.

Pontón avanzou a proposta dun Pacto Galego pola Ciencia, dotado con 250 M€, para converter a I+D+i no motor de transformación do país.

Tamén defende a creación dunha empresa pública de enerxía, dun polo de innovación e experimentación no ámbito enerxético e dun fondo soberano galego, con capacidade para mobilizar 1.200 M€ até o ano 2032.

“Queremos poñer o foco na defensa do importante”, subliñou Pontón, confrontando as propostas do BNG coas do PP, que “volve cos mesmos titulares de sempre sen ofrecer solucións reais”.
“Temos un goberno que conduce Galiza en punto morto, e este país merece máis”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.31749701499939