O BNG empraza o PP a rectificar e votar contra o acordo UE–Mercosur para defender o agro galego

O portavoz de Medio Rural do BNG, Secundino Fernández, emprazou este xoves ao Partido Popular a rectificar a súa postura e votar en contra do acordo entre a Unión Europea e Mercosur para defender o sector agrogandeiro galego fronte a un tratado que cualificou de “nefasto” para o País.
Segundo advertiu, o acordo “provocará o empobrecemento e a desaparición de pequenas e medianas explotacións” e facilitará a entrada de produtos alimenticios “sen garantías”, o que prexudicará tanto ao agro galego como ás persoas consumidoras.
O BNG defenderá este venres no Parlamento galego unha iniciativa na que se insta á Xunta a rexeitar o acordo de Mercosur polas graves repercusións que terá sobre o sector primario. O debate e a votación da proposta na Comisión de Agricultura constitúen, segundo Fernández, unha “oportunidade de ouro” para que o PP de Alfonso Rueda se retracte e demostre que realmente defende os intereses de Galicia.
O deputado lembrou que no pasado mes de febreiro o BNG xa presentara unha moción contra o tratado e que o PP votou en contra, “posicionándose claramente a favor de Mercosur e en contra do sector agrogandeiro galego”. Ao seu xuízo, fronte ás mobilizacións rexistradas en provincias como Ourense e Lugo, os populares “tratan agora de manipular a opinión pública”, mentres continúan defendendo o acordo nas institucións europeas.
Fernández criticou que, malia anunciar publicamente a súa oposición, a páxina web do Grupo Popular en Europa siga recollendo a intención de votar a favor do tratado por consideralo un impulso á competitividade europea. Unha contradición que, segundo subliñou, demostra a falta de coherencia do PP.
Fronte a esta postura, o BNG mantén o seu rexeitamento a un acordo que permitirá a entrada masiva de produtos como carne de vacún ou avícola a prezos moi baixos e con estándares de calidade inferiores aos que se esixen na Unión Europea. “As mulleres e homes que manteñen abertas as explotacións nas nosas parroquias non poderán competir con estes modelos de produción intensiva”, advertiu.
O portavoz nacionalista alertou tamén do risco para a saúde das persoas consumidoras, ao lembrar que nos países de Mercosur se permite o uso de pesticidas, herbicidas e antibióticos prohibidos na UE. A iniciativa do BNG insta á Xunta a opoñerse formalmente ao acordo e a trasladar esta posición ao Goberno do Estado, ao Congreso, ao Parlamento Europeo e á Comisión Europea.