O BNG esixe á Comisión Europea que atenda as demandas da frota artesanal galega

A eurodeputada do BNG Ana Miranda reclama a flexibilización do regulamento de control pesqueiro e acusa á Comisión Europea de poñer en risco o sector pesqueiro galego.
Ana Miranda
27 Jan 2026

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, reclamou que a Comisión Europea atenda as demandas da frota pesqueira artesanal galega e flexibilice o regulamento de control da pesca, ao considerar que as actuais esixencias son inasumibles para este sector.

Miranda fixo estas declaracións coincidindo coa celebración en Bruxelas do Consello de Ministros de Pesca e Agricultura, no que a Secretaría Xeral de Pesca mantén unha reunión co comisario europeo de Pesca, Costas Kadis. A eurodeputada instou ao Ministerio a “non ceder diante dunha política que está absolutamente a destrozar o sector pesqueiro galego”, en referencia ás directrices impulsadas desde a Comisión Europea, á que cualificou como “do Partido Popular”.

Segundo explicou, o regulamento de control da pesca foi amplamente contestado polo sector pesqueiro e marisqueiro galego nas mobilizacións celebradas nas últimas semanas nos portos da comunidade. Ao seu xuízo, trátase dun conxunto de normas “irreais” que “non poden ser cumpridas pola frota pesqueira artesanal galega”.

Neste contexto, a representante do Bloque reiterou a esixencia de excluír a frota artesanal do regulamento de control, unha demanda que xa fora defendida tamén pola portavoz de Pesca do BNG no Parlamento galego, Rosana Pérez. Miranda asegurou que seguirá “batallando en Bruxelas, como eurodeputada galega na Comisión de Pesca”, para defender os intereses do sector.

A eurodeputada lembrou, ademais, que vén de remitir unha carta á directora xeral de Pesca da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, na que expón a necesidade de que o regulamento teña en conta as singularidades da pesca galega para evitar unha discriminación do sector. Esta postura, sinalou, é coherente coa oposición do BNG ao regulamento, que xa votou en contra del no pleno do Parlamento Europeo celebrado en outubro de 2023.

⚙ Configurar cookies
0.2068510055542