O BNG esixe a Rueda que negocie como Cataluña e Euskadi para que Galiza gañe cun financiamento feito á súa medida

A portavoz de Facenda do BNG, Noa Presas, emprazou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a negociar de forma bilateral co Estado un novo modelo de financiamento feito á medida dos intereses de Galiza. Un sistema que, segundo defende o Bloque, permitiría ao país ter a chave dos seus propios recursos para mellorar servizos básicos como a sanidade, a educación ou a atención á dependencia.
“A Xunta non pode perder un minuto máis submisa aos intereses do PP en Madrid. Euskadi xa ten un concerto económico, Cataluña está negociando un modelo propio, e Galiza non pode quedar atrás”, advertiu Presas. A deputada reclamou unha “rectificación” por parte de Rueda se realmente quere que “Galiza gañe”.
Presas cualificou como unha oportunidade histórica o inicio das negociacións entre o Estado e Cataluña, que poden abrir a porta a un sistema máis descentralizado e con máis autogoberno. “Necesitamos un modelo no que Galiza recade todos os seus impostos, teña plena capacidade fiscal e unha Facenda galega que exerza todas as funcións”, explicou.
A nacionalista lembrou que co actual modelo, asinado por Feijóo en 2009, Galiza perdeu máis de 18.000 millóns de euros, segundo datos do Consello de Contas. Isto supón unha media de 1.535 millóns anuais, “máis do que a Xunta destina á Consellería de Política Social e Igualdade en todo un ano”, sinalou.
Presas puxo como exemplo os recortes na Atención Primaria ou as máis de 350.000 persoas en listas de espera hospitalarias como consecuencias directas desa perda de recursos. Tamén criticou que a Xunta siga a escudarse en cifras “inventadas” sobre perdas futuras, cando o modelo actual xa supón perdas contrastadas.
A deputada fixo referencia a Euskadi, que devolve ao Estado arredor de 1.490 millóns polo seu concerto. “Incluso duplicando esa cantidade, Galiza disporía de moitos máis recursos dos que ten agora”, indicou.
“Se tanto teme a Xunta que Galiza perda, o que ten que facer é negociar para que Galiza gañe. Co PP, Galiza perde. Agora temos a oportunidade de cambiar iso”, concluíu.