O BNG esixe ao Goberno do Estado defender o dereito de autodeterminación do Sáhara Occidental

No 50º aniversario da Marcha Verde, o BNG reclama que o Goberno do Estado recupere a súa posición tradicional en defensa do dereito de autodeterminación do pobo saharauí
Nestor Rego
7 Nov 2025

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) anunciou o rexistro de iniciativas nas Cortes do Estado para reclamar ao Goberno español que recupere a súa posición histórica en defensa do dereito de autodeterminación do Sáhara Occidental e que exixa a Marrocos respectar os Dereitos Humanos e o dereito do pobo saharauí a vivir en paz no seu territorio.

O deputado nacionalista Néstor Rego destacou a necesidade de que o Executivo español defenda abertamente o mandato da Minurso e se cumpra a Carta das Nacións Unidas, fronte á recente resolución da ONU sobre o conflito.

Coincidindo co 50º aniversario da Marcha Verde, o BNG rexistrará iniciativas parlamentarias para que o Goberno actúe en defensa do dereito de autodeterminación e para forzar o debate e votación no Congreso de todas as forzas políticas sobre o cumprimento do mandato internacional e a celebración dun referendo de autodeterminación no Sáhara Occidental.

Rego criticou que as posicións marroquís sigan negando o dereito ao referendo, mentres o Consello de Seguranza da ONU, coa resolución 2792, volveu adiar a solución definitiva ao conflito. “O Estado español ten unha responsabilidade histórica e resulta irresponsábel seguir deixando o pobo saharauí abandonado”, subliñou.

O deputado denunciou que, mentres a ONU “aproba resolucións incoherentes e ambiguas que dan as costas ao Dereito Internacional”, o pobo saharauí continúa sufrindo detencións arbitrarias, torturas, desafiuzamentos e represión por parte de Marrocos.

Para o BNG, o Goberno español debe defender abertamente o cumprimento do mandato da Minurso, organizar un referendo e recuperar a súa posición tradicional en defensa da descolonización do Sáhara Occidental. “A imposición dun plan de autonomía por parte de Marrocos non é solución para a paz nin para o cumprimento do dereito internacional”, advertiu Rego.

“O pobo saharauí ten dereito a decidir o seu futuro e a vivir como un pobo libre e independente”, concluíu o deputado, que insistiu en que cada nova resolución “demora a consulta e favorece a posición do ocupante”.

⚙ Configurar cookies
0.27805519104004