O BNG esixe explicacións a Rueda por encubrir durante meses a un conselleiro imputado por agresión sexual

A deputada do BNG Noa Presas reclama explicacións ao presidente da Xunta por ocultar durante meses a denuncia contra o exconselleiro do Mar. Critica a falta de contundencia do Executivo galego e denuncia o trato recibido pola vítima.
Noa Presas
6 Jun 2025

A portavoz de Feminismo e Igualdade do BNG, Noa Presas, esixiu hoxe ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicacións urxentes por ter encuberto durante meses a un presunto agresor sexual dentro do seu goberno, ao admitir que xa en febreiro sabía da denuncia contra o exconselleiro do Mar, Alfonso Villares.

Presas cualificou de “escandaloso” que Villares fose despedido entre aplausos e mostras de solidariedade por parte de membros do Executivo, incluída a conselleira de Igualdade, e reprochou que Rueda empregase o seu cargo para “banalizar” a situación, insinuando que se trata dunha denuncia falsa. Recordou que, segundo datos oficiais, só o 0,0084 % das denuncias por violencia machista son falsas.

Criticou que o presidente da Xunta intentase relegar o caso á esfera privada cando, segundo ela, transcende totalmente esa dimensión. Ademais, acusou o Executivo de enviar unha mensaxe negativa ás vítimas e ás mulleres que están pensando en denunciar. “Non se pode empregar o poder institucional para lavar a imaxe do denunciado nin para amparar o machismo”, sentenciou.

O BNG xa presentou unha iniciativa parlamentaria para reclamar explicacións e para investigar a filtración do nome da vítima, denunciando a gravidade de que esa información se coñecese a través dos medios. “Se esa filtración veu do propio entorno do imputado, a mensaxe é absolutamente demoledora”, alertou Presas.

A nacionalista lembrou que só neste ano houbo dous feminicidios en Galicia e tres intentos de asasinato machista nos últimos días. Finalizou a súa intervención reivindicando que “as mulleres non queremos ser valentes, queremos ser libres”, e apelou a converter a rabia en forza colectiva para continuar loitando contra a violencia machista.

⚙ Configurar cookies
0.24805903434753