O BNG esixe explicacións sobre as conexións do Goberno do PP na Xunta coa trama de tráfico de influencias de Montoro

O BNG esixe á Xunta que aclare de inmediato os contratos asinados coa consultora Equipo Económico, investigada nunha trama de tráfico de influencias vencellada a Montoro.
Noa Presas, deputada do BNG por Ourense
29 Jul 2025

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar unha batería de iniciativas parlamentarias para esixir á Xunta que “explique e transparente” de xeito inmediato as conexións do Goberno do PP coa consultora Equipo Económico, fundada polo exministro de Facenda Cristóbal Montoro e investigada por un xulgado de Tarragona por presunta corrupción.

A deputada Noa Presas, portavoz de Facenda do BNG, cualificou de “gravísimos” os feitos coñecidos recentemente, que apuntan a que a Xunta pagou preto de 173.000 euros á devandita consultora. “Queremos ver todos e cada un destes contratos, letra a letra”, reclamou Presas, quen esixe coñecer datas, conceptos, importes e tipoloxía dos traballos encargados.

Presas lembrou que Equipo Económico elaborou informes durante a reestruturación de NCG Banco, en plena crise financeira, e esixe saber se estes documentos tiveron relación coa “malvenda” das antigas caixas galegas. “Calquera lei económica aprobada polo PP nestes anos queda agora baixo sospeita de ter sido influída por este lobby”, denunciou.

A deputada tamén criticou que a Xunta tentase minimizar o asunto alegando que Montoro aínda non era ministro nos anos 2009 e 2011. “Montoro era xa un peso pesado do PP desde os anos noventa”, lembrou, subliñando a súa influencia como secretario de Estado e ministro durante os gobernos de Aznar e Rajoy.

Ademais, Presas denunciou que Marta Fernández Currás, exconselleira de Facenda e “responsable directa do fiasco das caixas galegas”, foi nomeada secretaria de Estado de Orzamentos por Montoro tras a súa saída do Goberno galego.

O BNG pide tamén que se aclare se algún dos contratos asinados con Equipo Económico tivo relación co ERE de NCG Banco, que afectou a preto de 2.000 traballadores, ou co proceso de venda da entidade, que supuxo un rescate de máis de 9.000 millóns de euros e a súa posterior adxudicación a Banesco por pouco máis de 1.000 millóns.

“O PP está máis ocupado de ir de romaría co señor Escotet que de aclarar os seus vínculos coa empresa de Montoro”, concluíu Presas.

⚙ Configurar cookies
0.20654392242432