O BNG esixe no Parlamento un plan urxente de restauración tras os incendios e as riadas no Ourense oriental

O BNG vén de presentar no Parlamento unha batería de iniciativas coas que reclama ao Goberno do PP na Xunta que se tome “dunha vez en serio” a restauración hidrolóxico-forestal das zonas afectadas polos incendios e que adopte con urxencia medidas de apoio á veciñanza para evitar novas consecuencias como as riadas rexistradas esta semana no Ourense oriental, especialmente no concello de Viana do Bolo.
A portavoz de Montes do BNG, Montse Valcárcel, sinala que o acontecido nestes días en Viana do Bolo non é só o resultado dunha forte tormenta, senón a consecuencia dun territorio previamente danado polos incendios do verán pasado que, segundo denuncia, non recibiu a restauración integral necesaria. Atribúe á inacción da Xunta unha nova vaga de danos que está a afectar á veciñanza, con aldeas afectadas por riadas e por arrastres de lama, pedras e troncos.
As riadas provocaron ademais cortes de estradas, inundacións en vivendas, baixos e adegas, o colapso de sumidoiros no Barco e deixaron núcleos incomunicados, afectando a máis de vinte concellos da provincia, desde Verín ata Valdeorras, pasando por Viana, A Mezquita e Chandrexa de Queixa.
A deputada nacionalista subliña que a situación era previsible e evitable, lembrando o testemuño de persoas afectadas tanto polos incendios de agosto de 2025 como polos danos provocados pola lama en xuño de 2026. Explica que a destrución da cuberta vexetal provocada polos lumes eliminou a barreira natural que protexía as aldeas fronte ás escorrentías, o que fixo posible a virulencia dos aludes de lodo. Considera que esta relación causal era coñecida e podería terse evitado cunha actuación adecuada.
Valcárcel denuncia que as actuacións de restauración realizadas pola Xunta foron claramente insuficientes, xa que só se actuou sobre algo máis de 6.300 hectáreas e uns 100 quilómetros de pistas, fronte ás case 119.000 hectáreas queimadas.
O BNG solicita a declaración da situación de emerxencia territorial nas zonas afectadas do Ourense oriental, co despregamento inmediato de medios humanos e materiais para tarefas de limpeza, reparación de infraestruturas, subministración eléctrica e atención ás persoas, explotacións gandeiras e agrícolas e vivendas danadas.
A formación nacionalista reclama tamén a posta en marcha dun plan integral de restauración hidrolóxico-forestal nas áreas queimadas en 2025, con prioridade para aquelas con maior risco de erosión, así como a aprobación nun prazo máximo de dous meses dun plan extraordinario con calendario e dotación económica suficiente.
Entre as propostas inclúese ademais a solicitude de apoio ao Estado para executar actuacións pendentes de restauración ao abeiro da Lei de Montes, a creación dun protocolo de avaliación do risco hidrolóxico post-incendio e a comparecencia dos responsables da Xunta no Parlamento para explicar o acontecido, especialmente en Viana do Bolo.
Valcárcel conclúe lembrando que aldeas como A Bouza, Pradocabalos e O Castro xa foron desaloxadas polos incendios de 2025 e que agora sofren as consecuencias da falta de restauración suficiente.