O BNG esixe un plan urxente de axudas para afectados polos temporais en Galicia

Iago Tabarés reclama á Xunta un programa extraordinario de axudas para familias, PEMES e explotacións agrarias tras os danos provocados polas sucesivas borrascas
iago-tabares
16 Feb 2026

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Iago Tabarés, rexistrou no Parlamento de Galicia unha Proposición Non de Lei para instar á Xunta a activar de inmediato un plan extraordinario de axudas para persoas, familias, PEMES, autónomos e explotacións agrarias afectadas polos temporais dos últimos meses.

Tabarés denunciou que, malia a declaración de zona catastrófica en toda Galicia polos importantes danos rexistrados, o Goberno do PP na Xunta aínda non puxo en marcha medidas propias. Ao seu xuízo, nin os seguros privados nin as axudas anunciadas por outras administracións serán suficientes para cubrir a totalidade dos prexuízos.

A iniciativa chega tras semanas marcadas por borrascas como Leonardo, Marta, Ingrid ou Judith, que provocaron alertas meteorolóxicas laranxa e vermella, desbordamentos de ríos como o Mendo, Mandeo, Ulla, Umia, Tambre, Miño ou Louro e múltiples incidencias en vivendas, estradas, baixos comerciais e milleiros de hectáreas de terreos agrícolas e viñedos, especialmente en comarcas como A Limia e O Salnés.

O deputado nacionalista subliñou a necesidade de que todas as administracións actúen de xeito coordinado e transparente para paliar as consecuencias dos danos. A Proposición Non de Lei inclúe a creación dun programa específico que cubra aqueles prexuízos non atendidos polos seguros nin por outras liñas de axuda, así como mecanismos de colaboración cos concellos e cos sectores sociais implicados.

Tabarés incidiu tamén en que son os concellos os que están asumindo en primeira instancia os custos das actuacións urxentes, como a retirada de lodos, a limpeza de camiños ou a reposición de servizos básicos, soportando gastos extraordinarios que superan as súas capacidades financeiras.

A iniciativa será debatida nas vindeiras semanas no Parlamento galego.

⚙ Configurar cookies
0.33526206016541