O BNG exixe a normalización do galego na Xustiza e defende a súa plena operatividade na aplicación Atenea

Néstor Rego reclama que a nova ferramenta de xestión procesual do Estado, Atenea, estea dispoñíbel en galego desde a súa implantación, denunciando que a exclusión do galego na Xustiza vulnera dereitos fundamentais.
Nestor Rego
25 Jun 2025

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar iniciativas nas Cortes do Estado co obxectivo de avanzar na plena normalización do uso do galego na Administración Xudicial. A iniciativa reclama ao Goberno do Estado garantir que a nova aplicación informática de xestión procesual, Atenea, estea dispoñíbel nas distintas linguas oficiais, en igualdade de condicións, no momento da súa implantación, prevista para comezos de 2026.

O deputado do BNG, Néstor Rego, denuncia que “a exclusión do galego no ámbito xudicial continúa a ser unha realidade” e lembra que, segundo os datos dispoñíbeis, apenas 3,5% das actuacións xudiciais na Galiza se realizan nesta lingua. “É unha porcentaxe ridícula que evidencia a falta dos medios que permitan a normalización do galego e garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía”, subliña Rego.

A proposta nacionalista lembra que esta medida está incluída dentro dos compromisos recollidos na Carta Europea das Linguas, asinada polo Estado español, que obriga a eliminar calquera discriminación na utilización das linguas oficiais nas administracións públicas, incluída a de Xustiza.

Rego lembra que, tras máis de dúas décadas de funcionamento da aplicación Minerva —a actual ferramenta de xestión xudicial—, “non se avanzou practicamente nada na incorporación do galego como lingua de uso normalizado nos procedementos xudiciais”, xa que tanto a propia aplicación como os formularios e modelos continúan estando unicamente en castelán. “Agora temos a oportunidade de corrixir ese déficit histórico coa implantación da nova ferramenta Atenea e non se pode repetir o mesmo erro”, advirte o deputado.

Así mesmo, o BNG presentou esta proposta como emenda dentro do trámite parlamentar da Lei para a Ampliación e Fortalecemento das Carreiras Xudicial e Fiscal, norma na que demandará que se produzan avances en materia de lingua e, especialmente, o compromiso de desenvolver o sistema de xestión Atenea tamén en galego. “Se non se prevé desde o comezo a compatibilidade coas distintas linguas oficiais, xa será demasiado tarde. A xustiza non pode continuar sendo un espazo de exclusión lingüística”, sostén Rego.

Por todo isto, o BNG insta ao Goberno a “adoptar as medidas precisas, en coordinación coas comunidades autónomas, para que o novo sistema de xestión procesual Atenea sexa plenamente operativo en todas as linguas oficiais do Estado, e que tamén os formularios e aplicacións complementarias estean dispoñíbeis nesas linguas”.

“O respecto á pluralidade lingüística non é unha concesión nin unha cuestión estética, senón un dereito recoñecido que debe facerse efectivo tamén no ámbito xudicial. A Administración de Xustiza debe garantir que as persoas poidan exercer os seus dereitos sen verse obrigadas a renunciar á súa lingua”, conclúe Rego.

⚙ Configurar cookies
0.22115612030029