O BNG exixe explicacións a Rueda pola imputación do conselleiro do Mar por agresión sexual

A responsable de Acción Feminista do BNG e portavoz de Igualdade no Parlamento galego, Noa Presas, reclamou hoxe ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que “non se agoche” e ofreza explicacións urxentes tras coñecerse a imputación do conselleiro do Mar, Alfonso Villares, por un suposto caso de agresión sexual.
Presas subliñou que este feito “é dunha gravidade extrema”, lembrando que “é terrible para as galegas ter que ver como un goberno que, en teoría, debe protexer os nosos dereitos, conta cun posible agresor sexual nas súas filas”. Engadiu que “unha denuncia deste calado non é un asunto exclusivamente privado”, polo que considera imprescindíbel unha resposta institucional clara.
Desde o BNG, trasladaron o seu total apoio á persoa denunciante, solicitando “máxima confidencialidade e seguridade” para ela. A deputada tamén quixo dirixirse ao conxunto das mulleres galegas, sinalando que “este feito é terrible, pero tamén é unha mostra de que o feminismo avanzou e de que as mulleres xa non calamos ante situacións así”.
O BNG reclama que se investiguen as acusacións ata as últimas consecuencias e que a Xunta actúe con responsabilidade e transparencia ante uns feitos que considera de máxima preocupación social.