O BNG exixe pór fin ás peaxes da AP-9 e transferir á Galiza a infraestrutura

O BNG reclama a finalización inmediata da concesión da AP-9, a retirada das peaxes e a transferencia da autoestrada á Galiza, así como impedir a suba das tarifas prevista para 2026.
ap9
23 Dec 2025

O Bloque Nacionalista Galego exixiu ao Goberno do Estado que poña fin de maneira inmediata á concesión da Autoestrada do Atlántico (AP-9) e impulse a súa transferencia á Galiza, atendendo aos intereses da cidadanía e do tecido produtivo do país.

Así o defendeu o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, durante un acto simbólico celebrado na área de San Simón e na peaxe de Vilaboa, onde cualificou de “inxustificábel” que a sociedade galega continúe pagando por unha infraestrutura “máis que amortizada” e cuxa concesión foi declarada ilegal pola Unión Europea.

“Os galegos e galegas seguimos pagando peaxes na AP-9 doce anos despois de que debería ter finalizado a concesión, por unha infraestrutura xa amortizada que só beneficia os intereses dunha empresa privada”, denunciou Rego, quen reclamou que o Executivo estatal “actúe canto antes” para dar por rematada a concesión.

O deputado nacionalista lembrou que a Unión Europea determinou que as prórrogas concedidas polos gobernos do PSOE e do PP non se axustan á legalidade vixente, polo que considera “escandaloso” que a cidadanía galega continúe asumindo este custo. Neste sentido, insistiu en que o Goberno do Estado debe priorizar os intereses da Galiza e das empresas asentadas no Eixo Atlántico fronte aos dunha concesionaria privada participada por fondos voitre.

“O modelo actual prexudica a mobilidade, a competitividade económica e a cohesión territorial da Galiza”, afirmou Rego, quen defendeu unha xestión pública da infraestrutura.

Transferencia da AP-9 á Galiza

O BNG subliñou tamén a necesidade de avanzar na transferencia da AP-9 á Galiza. A iniciativa lexislativa aprobada por unanimidade no Parlamento galego está actualmente en tramitación no Congreso dos Deputados, mais o PSOE rexistrou emendas que modifican de maneira substancial o texto acordado pola Cámara galega.

Ante esta situación, o Bloque exixe ao PSOE que retire estas emendas e respecte a unanimidade do Parlamento galego para facer efectiva a transferencia da autoestrada e garantir unha xestión ao servizo do país.

Rexeitamento da suba das peaxes

O BNG rexeita tamén o incremento das peaxes da AP-9 anunciado para 2026 e reclama ao Goberno do Estado que adopte medidas inmediatas para impedilo, xa sexa negociando coa concesionaria ou asumindo os incrementos previstos con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado.

“O futuro da AP-9 debe pasar por unha xestión pública, sen peaxes e ao servizo da maioría social da Galiza”, concluíu Néstor Rego.

⚙ Configurar cookies
0.29185104370117