O BNG exixe unha mellor protección do sector gandeiro ante a competencia dos produtos de Mercosur

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda intervén no debate da Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo sobre o futuro da Política Agraria Común
ana-miranda-fondos-europeos
4 Sep 2026

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participou este xoves no debate aberto dentro da Comisión de Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo sobre a reforma da Política Agraria Común (PAC) nun momento no que o sector gandeiro en Galiza e no continente atravesa graves problemas.

Ademais da seca e as subas nos prezos dos combustibles, o acordo comercial da Unión Europea con Mercosur entrou en vigor provisionalmente o pasado 1 de maio e sector gandeiro advirte dunha caída superior ao 10% nos prezos da carne, por mor da influencia dos produtos do Mercosur nas cadeas de distribución.

“Galiza é unha nación agrogandeira e estamos moi preocupados polo impacto do acordo da Unión Europea con Mercosur nos diferentes sectores, así como no sector avícola”, explicou Ana Miranda, destacando que “queremos producir, mais tamén é evidente que os nosos produtores sofren polo aumento dos prezos dos combustibeis”.

Dende este 3 de setembro, a Unión Europea veta a entrada de carne e produtos de orixe animal procedentes de Brasil pola falla de garantías no cumprimento das normas sobre o emprego de antibióticos no gando. Esta decisión afecta en particular á carne bovina, equina, ás aves de curral e a produtos como o mel ou do sector acuícola.

“Estamos nun momento crucial para a supervivencia do sector, é o momento de que a Comisión Europea escoitei aos nosos gandeiros e ás nacións que producimos para o resto de Europa”, demandou Ana Miranda.

Durante os debates na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural sobre o futuro da PAC, a Política Agraria Común, a eurodeputada do BNG advertiu sobre a desaparición do segundo eixo dese instrumento. É unha das propostas da Comisión Europea para os vindeiros orzamentos comunitarios, os do 2028-2034, e suporía que as explotacións deixarían de contar con axudas para, por exemplo, a modernización dos sistemas de rego ou para a dixitalización.

Ana Miranda presentou xunto co grupo Verdes-ALE, formación parlamentar do BNG na Eurocámara, 195 emendas no debate sobre a reforma da PAC “para incluír indicadores que midan o impacto nos produtos alimentarios e nas exportacións ante a competencia desleal de terceiros países ou diante de crises, e sobre o papel das mulleres nos sectores produtivos do rural”.

A respecto das mulleres no rural en Galiza, representan o 27,8% do sector primario, pero as súas condicións laborais son peores. Os vindeiros fondos europeos, a xuízo da representante do Bloque, deben centrarse na igualdade salarial; na execución de programas de inclusión laboral adaptados ás necesidades existentes; ou no apoio institucional á conciliación familiar grazas a políticas de dependencia que non obriguen ás mulleres a asumiren os coidados e con programas de inclusión dixital nas áreas rurais.

0.35329604148865