O BNG lamenta a falta de vontade negociadora do PP para chegar a acordos sobre saúde mental, dependencia, vivenda ou mocidade

A viceportavoz primeira do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, denunciou hoxe a actitude de “rodete absolutista” do Partido Popular durante as negociacións previas á última xornada do Debate do Estado da Nación. Segundo afirmou, o PP está a vetar sistematicamente todas as propostas do Bloque, mesmo aquelas dirixidas a mellorar a vida da cidadanía galega en cuestións tan sensibles como a saúde mental, a dependencia, a vivenda ou a situación da mocidade.
O Bloque Nacionalista Galego presentou ata trece propostas de transacción, co obxectivo de alcanzar consensos reais en temas prioritarios. “Unha vez máis vemos ao PP de sempre, o que di non a todo o que signifique avanzar en dereitos e en mellores condicións de vida para a xente deste país”, subliñou Rodil.
A parlamentaria criticou especialmente a negativa do PP a negociar melloras no Servizo de Axuda no Fogar, precisamente cando se coñeceron datos do Ministerio de Dereitos Sociais que sitúan a Galiza como a cuarta comunidade con máis tempo de espera para recibir atención á dependencia —393 días, máis do dobre do establecido por lei—.
Tamén foron rexeitadas polo PP propostas sobre a gratuidade dos libros de texto, a atención á diversidade nos centros educativos, o financiamento das universidades, ou medidas en materia de vivenda, administración local, pesca e loita contra a violencia machista.
Rodil reiterou que o BNG mantén a man tendida ao diálogo, cunha actitude construtiva e con propostas centradas nos problemas reais da xente. “O que necesitamos é vontade política, pero o PP prefire manterse na súa maioría absoluta sen atender ás necesidades sociais máis urxentes”, concluíu.