O BNG leva ao Pleno o colapso da sanidade e a defensa do sector primario

O Bloque Nacionalista Galego centrará as súas iniciativas no primeiro Pleno do ano no colapso da sanidade pública galega e nas decisións adoptadas na Unión Europea que, ao seu xuízo, están a prexudicar gravemente o agro e a pesca do País.
Así o avanzou a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, tras a Xunta de Portavoces, advertindo de que a situación sanitaria “afecta a todo o País e sufrímola todas as galegas e todos os galegos”. Segundo explicou, a falta de medios tanto na atención primaria como nos hospitais está a provocar longas esperas e a saturación das urxencias.
Rodil criticou que, malia este deterioro evidente, o Partido Popular vetase a comparecencia do presidente da Xunta no Pleno. Por este motivo, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, preguntará na sesión de control a Alfonso Rueda polas medidas que pensa adoptar ante o colapso do Sergas, agravado polo incremento da gripe e das enfermidades respiratorias.
Na mesma liña, o Bloque presentará unha interpelación ao conselleiro de Sanidade pola falta de previsión e recursos do Plan de Inverno, unha situación que está a provocar esperas de ata tres semanas para conseguir cita en atención primaria e doentes agardando nos corredores dos hospitais.
No ámbito produtivo, o BNG levará ao Pleno o rexeitamento ao acordo comercial entre a UE e Mercosur, que considera “absolutamente lesivo” para o sector agrogandeiro galego. Rodil acusou o PP de intentar enganar ao sector, lembrando que o tratado foi apoiado en Europa tanto polo PP como polo PSOE, incluído o propio presidente da Xunta, e advertiu de que “xa non se pode modificar”.
O Bloque tamén abordará o novo Regulamento Europeo de Control da Pesca, contra o que se mobilizou esta semana o sector do mar en Galicia. A formación nacionalista denuncia que a carga burocrática e os recortes de cotas —como o da xarda ou o lirio— supoñen “un golpe durísimo” para a pesca de baixura.
Outro dos asuntos centrais do Pleno será o infrafinanciamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). A través dunha interpelación á conselleira de Política Social, o BNG reclamará un incremento inmediato do financiamento dun servizo “esencial” que, segundo Rodil, está “a piques de quebrar” e que se mantén grazas ao esforzo dos concellos. A proposta nacionalista pasa por elevar a achega da Xunta ata os 17 euros por hora, con carácter retroactivo, e avanzar ata os 20 euros a próxima anualidade.
A viceportavoz do BNG iniciou a súa intervención trasladando as condolencias ás familias das vítimas do accidente ferroviario de Adamuz, lembrando que Galicia “sabe ben o que significan momentos así” tras o accidente de Angrois.