O BNG levará ao Parlamento unha condena á “guerra absolutamente ilegal” de Estados Unidos e Israel

O BNG impulsará no Parlamento de Galicia unha iniciativa para condenar a “guerra absolutamente ilegal” iniciada por Estados Unidos e Israel en Oriente Próximo.
A viceportavoz do Bloque na Cámara galega, Olalla Rodil, cualificou o conflito como unha “agresión militar inxustificada e contraria ao dereito internacional” que, segundo indicou, pon en risco a vida da poboación civil e supón unha ameaza para a seguridade internacional.
Rodil asegurou que a ofensiva constitúe unha vulneración da Carta das Nacións Unidas e enmarcou os ataques nun “plan sistemático do imperialismo liderado por Washington e os seus aliados”, especialmente Israel. Para a deputada nacionalista, ambos países representan “o principal foco de desestabilización global e unha ameaza directa para o multilateralismo e a legalidade internacional”.
Iniciativa no Parlamento
Ante esta situación, o BNG promoverá unha condena “clara e contundente” da guerra no Parlamento galego e reclamará ás institucións públicas que adopten medidas para frear a escalada bélica.
Na iniciativa parlamentaria, a formación nacionalista pedirá tanto á Xunta como ao Goberno de España e ás autoridades da Unión Europea que impulsen accións reais para deter o conflito. “Pedimos medidas reais e non slogans”, advertiu Rodil.
Entre as medidas que reclama o Bloque está que o Goberno español non participe en ningún tipo de intervención militar e que dea marcha atrás no envío da fragata Cristóbal Colón ás augas de Chipre.