O BNG logra o apoio do Senado para promover o consumo de peixe e produtos do mar en comedores escolares e centros sociosanitarios

O BNG logra o apoio do Senado a unha moción de Carme da Silva para promover o consumo de peixe e produtos do mar en comedores escolares e centros sociosanitarios.
Carmen da Silva
22 Oct 2025

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) conseguiu o apoio da Comisión de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 do Senado á moción presentada pola senadora Carme da Silva, coa que se insta o Goberno a promover o consumo de peixe e produtos do mar en comedores escolares e centros sociosanitarios.

A iniciativa nacionalista establece que nas propostas de alimentación realizadas polo Executivo se incorporen criterios específicos que garantan a presenza suficiente destes alimentos, recomendando tres racións semanais dentro das dietas saudábeis e sustentábeis.

“Nun contexto de caída do consumo de peixe, e ante os novos decretos do Ministerio de Consumo sobre alimentación saudábel e sustentábel nas Administracións Públicas, é esencial incluír o consumo de peixe e produtos do mar**”, defendeu Da Silva durante a súa intervención.

A moción aprobada inclúe tamén unha chamada ao Ministerio de Dereitos Sociais e Consumo para difundir as propiedades da dieta atlántica, rica en pescados, moluscos e mariscos, como modelo alternativo e complementario á dieta mediterránea.

A senadora do BNG destacou que o proxecto de Real Decreto sobre alimentación saudábel en hospitais e residencias debe contemplar melloras relativas ao consumo de peixe e marisco, e insistiu en que “o peixe non pode ser incluído no concepto xeral de proteína animal, pois é un alimento máis saudábel e con características diferentes”.

Da Silva subliñou que o Goberno debe ter en conta as tres dimensións da sustentabilidade —social, económica e ambiental— e basear as recomendacións en informes científicos que avalen os beneficios nutricionais do peixe e dos produtos mariños.

Tras a aprobación da moción, a senadora valorou positivamente o resultado:

“Conseguimos que o Goberno mellore as recomendacións e garanta a presenza suficiente de peixe e produtos do mar nas dietas dos comedores escolares e centros sociosanitarios. É tamén unha boa nova para o sector pesqueiro galego”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.31082987785339