O BNG pide a Rueda que abandone os discursos de odio e deixe de usar a menores migrantes como arma política

A responsable de Infancia do BNG, Ariadna Fernández, condenou “firmemente” o acto vandálico contra o edificio da asociación Prodeme en Monforte, designado pola Xunta para acoller a menores migrantes, e pediulle ao presidente Alfonso Rueda que abandone “os discursos de odio” e deixe de empregar ás crianzas e adolescentes migrantes como arma nas súas disputas políticas co Goberno do Estado.
Fernández instou ao Executivo autonómico a desterrar termos como “guetos” ou “menas” e a non desumanizar a quen chega só na procura dun futuro mellor. “Son nenos e nenas que merecen ser acollidos, igual que o fixemos as galegas e galegos noutros tempos”, sinalou. Tamén reclamou ao PP que actúe “con decencia, dignidade e responsabilidade”, reforzando o sistema de protección, que cualificou de “infrafinanciado e infradotado”.
A concentración convocada polo BNG en Monforte supuxo a primeira resposta pública tras o ataque incendiario da madrugada, no que se lanzaron dous artefactos contra o inmoble. O centro estaba previsto como o primeiro recurso específico en Galicia para acoller a menores migrantes derivados polo Goberno central, ata agora atendidos no sistema ordinario de protección.
Pola súa banda, o deputado Iago Suárez destacou o carácter “histórico” da mobilización como resposta do pobo galego e, en particular, do sur de Lugo, ante “un dos ataques fascistas máis significativos dos últimos tempos”. Reivindicou que Galicia é un pobo acolledor e advertiu de que responderá “todas as veces que faga falta para frear o odio, o racismo e o fascismo”.